O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, participou hoxe na apertura do curso 2025-2026 que, por primeira vez, supera os 250 alumnos, logo de que se ampliara o horario docente
Ourense, 2 de outubro de 2025.
A Escola de Artes e Oficios da Deputación celebrou esta tarde a apertura do curso académico 2025-2026 cun récord de matrícula, superando en total os 250 alumnos inscritos nas súas diferentes disciplinas. O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, participou hoxe neste inicio do curso que “volve a demostrar que esta institución cultural da Deputación está a vivir o seu mellor momento”.
A escola, na que se imparten clases de debuxo e pintura, talla en madeira, modelado en barro e oleiría, ven rexistrando un notable crecemento, especialmente dende que a institución provincial apostou por ampliar o horario docente, duplicando a dispoñibilidade do profesorado.
As clases impártense en horario vespertino, de 16.00 a 21.00 horas e, en función da matrícula e da dispoñibilidade do alumnado, establécense diferentes grupos de traballo. Nos últimos anos, o alumnado tamén vén realizando sucesivas exposicións con mostras do seu labor, tanto na biblioteca pública “Nós” como nas salas de exposicións do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.
A disciplina con maior número de matriculados é a de debuxo e pintura con algo máis de 90 inscritos. A outra gran disciplina en número de alumnado é a de oleiría, con 80. Talla de madeira e modelado en barro teñen 40 alumnos cada unha.
O director da escola, Francisco González, agradeceu ao alumnado a confianza depositada nesta institución que combina a formación artística co labor social fomentando una actividade creativa como elemento de ocio e tempo libre. “A decisión da Deputación de ampliar o horario docente foi fundamental e, este éxito de matrícula é o resultado máis evidente”, dixo nas súas palabras de benvida.