20 aniversario da Lei Orgánica Contra a Violencia de Xénero
§ O subdelegado do Goberno felicitou ao homenaxeado e instou a “seguir traballando” como sociedade para perseguir a igualdade efectiva entre homes e mulleres
Ourense, 15 de outubro de 2025.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, fixo entrega hoxe ao exsenador e exvicepresidente da Xunta Anxo Quintana da ‘Medalla de Promoción dos Valores da Igualdade’, unha distinción outorgada polo Ministerio de Igualdade para recoñecer ás persoas que contribuíron á aprobación da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero (LOIVG), coincidindo co vixésimo aniversario desta normativa.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, agradeceu a Anxo Quintana o seu traballo en pro dunha sociedade máis igualitaria. “Grazas ao rigor xurídico e á sensibilidade das persoas que contribuíron a esta lei, España se converteu nun referente internacional na loita contra a violencia machista ao poñer no centro a dignidade, a seguridade e a liberdade das mulleres”, recalcou.
Ademais, Santos lembrou que hoxe, dúas décadas despois, a violencia sobre a muller segue a ser “unha lacra insoportable”, froito do “machismo recalcitrante”. “Debemos seguir traballando porque a igualdade é un camiño que percorrer a diario e temos a responsabilidade de construír unha sociedade xusta e igualitaria, na que ningunha muller sexa maltratada polo feito de ser muller”, sinalou.
Pola súa banda, Anxo Quintana agradeceu o recoñecemento ao Goberno e lembrou “a esperanza” que espertou no seu momento a redacción da LOIVG. “Pensabamos que aquelo era un primeiro paso importante, pero resulta preocupante que a día de hoxe esteamos inmersos nunha batalla por conservar os dereitos das mulleres e os principios de igualdade”, apuntou.
No acto, celebrado no Salón do Trono da Subdelegación do Goberno en Ourense, participaron tamén a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias, e o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias.
Anxo Manuel Quintana González é un político galego que foi alcalde de Allariz entre os anos 1989 e 2000. Despois, exerceu de senador nas Cortes Xerais (2000-2005), época na que xestou a LOIVG. Tamén desenvolveu a súa carreira como vicepresidente da Xunta de Galicia (2005-2009) e deputado no Parlamento de Galicia.
Normativa pioneira
A ‘Medalla á Promoción dos Valores de Igualdade’ é unha condecoración outorgada a título individual por Orde da ministra de Igualdade, a proposta da persoa titular da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, co obxecto de recoñecer o labor daquelas persoas que se distinguiron de forma relevante no exercicio e promoción dos valores de igualdade e na eliminación de toda clase de discriminación baseada en calquera condición persoal ou social.
Este 2025, o Goberno de España concedeu esta distinción a 94 persoas, que contribuíron de maneira decisiva á aprobación lexislativa da LOIVG. A norma, pioneira en Europa, aprobouse por unanimidade durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, o 28 de decembro de 2004.