Manuel Baltar e a historiadora María Victoria Carballo-Calero deron a coñecer a nova edición deste volume, “que expresa a través da arte a intelectualidade de Nós”, destaca o presidente da Deputación
A catedrática Carballo-Calero salientou que esta publicación “ve a luz no momento no que se conmemora o centenario da revista Nós e de toda esa xeración, que alumeou a modernidade da nosa cultura”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a catedrática de Historia María Victoria Carballo-Calero presentaron hoxe o libro La ilustración en la revista Nós, unha edición que actualiza ás de 1983 e 2011 sobre as imaxes da xeración que converteu a Galicia en referente cultural. Baltar salientou “o alto valor gráfico e documental da obra, que expresa a través da arte a intelectualidade de Nós, compilado nun excelente traballo de María Victoria Carballo-Calero, a quen agradezo a sensibilidade e a sapiencia postas neste labor a prol da cultura e da identidade galegas”, comentou Manuel Baltar.
A autora destacou que esta publicación “ve a luz neste momento, que conmemora o centenario da revista Nós e de toda esa xeración, que alumeou a modernidade da nosa cultura”, e puxo de relevo “o compromiso amosado desde o minuto un por parte do presidente Manuel Baltar para levar a cabo a reedición deste volume”.
A obra percorre ao longo de 186 páxinas dunha moi coidada edición a vertente artística nas súas diferentes modalidades para expresar en debuxo, linoleos, gravados e outras formas de expresión da arte o que foi unha etapa fundamental para a cultura galega. “A ilustración de Nós –comentou a autora- vai unida ao nome de Castelao, quen se encargou do aspecto tipográfico da revista, das súas portadas, viñetas e colofóns; e xunto con el colaboraron unha vintena de gravadores, debuxantes e artistas, destacando Manuel Colmeiro. Uns traballos que amosan a vangarda artística do momento”. María Victoria Carballo-Calero dixo, en referencia ás edicións da obra, que tanto o presidente Victorino Núñez, na primeira edición, como agora o presidente Manuel Baltar “souberon entender que o coñecemento e a cultura contribúen a facer país”.
Baltar remarcou a importancia da data na que se presenta esta terceira edición, “unha semana clave porque este venres se compren cen anos da aparición do primeiro número da revista Nós, que naceu en Ourense, que tivo como director a Vicente Risco, como xerente a Arturo Noguerol e como responsable artístico a Castelao; unha revista que este libro de María Victoria Carballo-Calero estuda desde o punto de vista da vangarda artística, e que supuxo unha achega decisiva na historia da arte contemporánea galega”.
O presidente Baltar subliñou a importancia destas datas lembrando que tamén o vindeiro venres procederase a poñerlle o nome de “Nós” á biblioteca de Ourense, e entregarase o Premio “Otero Pedrayo” -que outorgan anualmente as catro deputacións galegas e a Xunta-, un galardón que este ano reciben as catro fundación vencelladas a catro persoeiros fundamentais da revista Nós: Otero Pedrayo, Cuevillas, Risco e Castelao, proposta realizada polo presidente Baltar e que María Victoria Carballo-Calero cualificou de “grande acerto polo que significa de pulo ao legado da Xeración Nós”.
Manuel Baltar lembrou tamén que nestas datas cabe salientar, asemade, que o vindeiro 31 de outubro entrégase o Premio das Letras Galegas 2020 á figura de Ricardo Carballo-Calero. “Por todos eles, por todos os que nos alumearon e ensinaron o camiño, damos a benvida á terceira edición desta obra na que destaca a importancia da estética e a pegada que deixou a revista Nós nesa xeración e na historia da arte contemporánea”.