A área de Educación do Concello do Carballiño está a promover un expurgo na Biblioteca Municipal, un proceso técnico que permite liberar espazo físico e garantir a calidade, pertinencia e actualidade do fondo dispoñible para os usuarios e usuarias. Actualmente, as instalacións municipais dispoñen de máis de 25.000 exemplares, dos que máis da metade se atopan en espazos non adecuados para a súa conservación e acceso público. “Cremos que este expurgo é fundamental para empezar a darlle á Biblioteca do Carballiño o impulso que merece”, asegura Lorena Castro, concelleira de Educación, que recorda que hai 10 anos que non se levaba a cabo este proceso.
A realización do expurgo, que durará tres meses, inclúe o inventario e pre-catalogación básica de materiais a revisar, o rexistro documentado de baixas, a consulta institucional á Xunta se fora preciso pola Lei de Patrimonio Documental de Galicia e o tratamento final do material (reciclaxe, doazón ou destrución controlada). O obxectivo, tal e como destaca a concelleira, non é só liberar espazo para a correcta organización dos fondos, senón tamén mellorar a accesibilidade da poboación, optimizar os recursos, garantir a calidade do fondo e conservar adecuadamente o patrimonio bibliográfico relevante.
A análise realizada permitiu identificar a sobrecarga de materiais de baixa rotación, a presenza de enciclopedias e atlas obsoletos, a gran cantidade de publicacións periódicas de lexislación con escaso interese por parte da poboación ou o duplicado de volumes. Deste xeito, o expurgo permitirá adecuar a dimensión do fondo ao tamaño da poboación do Carballiño (actualmente é moi superior), ademais de implementar unha correcta distribución e clasificación dos volumes conforme a criterios técnicos. “Deste xeito reafirmamos o compromiso da Biblioteca coa mellora continuada do servizo para satisfacer as necesidades dos seus usuarios e usuarias”, engade Lorena Castro.