A entidade empresarial denuncia a marxinación histórica da provincia en materia de infraestruturas e advirte que seguirá vixiante #ante cada novo atraso
Ourense, 24 de outubro de 2025. A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) mostra a súa profunda indignación e desconcerto #ante a falta de avances, prazos e respostas claras sobre as principais infraestruturas viarias pendentes na provincia, en especial a Autovía A-56 (Ourense–Lugo) e o Variante Norte de Ourense.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Tras coñecerse a recente falta de concreción nas respostas do Goberno sobre o estado e planificación de tramos viarios na provincia, a CEO considera inadmisible que, despois de tantos anos de espera, non exista un calendario definido nin compromisos firmes para concluír unhas obras que son vitais para o futuro de Ourense.
Exemplos recentes confirman esta situación: o tramo Eirasvedras–Quintela, en obras desde fai máis de tres anos, segue sen data de finalización nin datos de execución, mentres que o proxecto do tramo Quintela–A Casa, esencial para dar continuidade ao Variante Norte, leva máis de 20 meses sen aprobación definitiva nin licitación á vista.
“Cada novo atraso ou silencio administrativo supón un freo e un lastre engadido ao desenvolvemento económico de Ourense, a competitividade das nosas empresas e a cohesión territorial que tanto necesita esta provincia”, sinalan desde a CEO.
Desde a CEO lembran que tanto a A-56 como o Variante Norte son infraestruturas imprescindibles para vertebrar o territorio, mellorar a mobilidade e o transporte, e evitar que Ourense siga quedando illada dentro de Galicia. “Sen comunicacións modernas e eficaces, as nosas empresas compiten en desigualdade, e iso é algo que non podemos aceptar”, subliñan.
A Confederación Empresarial de Ourense insiste en que a provincia arrastra unha débeda histórica en materia de infraestruturas. “Levamos décadas marxinados nos plans de investimento, vendo como outros territorios avanzan mentres aquí paralízase todo. É hora de reverter esta situación”, reclama a organización. A CEO anuncia que manterá unha actitude vixiante e combativa, denunciando cada novo atraso ou falta de compromiso que afecte o desenvolvemento viario da provincia, un territorio que, conclúen ‘necesita feitos, non anuncios’

















