Dende a central reafirman a súa vontade de continuar loitando por un transporte público de calidade, con emprego digno e estable
Ourense, 6 de novembro de 2025.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) acadou por primeira vez a vitoria nas eleccións sindicais da empresa Urbanos de Ourense, celebradas o xoves 30 de outubro, converténdose así na primeira forza sindical no servizo de transporte urbano da cidade.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Con este resultado, a CIG consolida o seu crecemento e apoio entre o persoal, que recoñeceu o traballo realizado nos últimos anos en defensa dos dereitos laborais, das condicións de traballo e da mellora do servizo público.
No recente proceso electoral a central obtivo un total de 48 votos e 3 representantes no comité, fronte aos 42 votos (3 representantes) de CCOO, os 26 votos da UGT (2 representantes) e os 18 de Fetico (1 representante).
Desde a central sindical destacan que este resultado “é froito do compromiso e da unidade do cadro de persoal” e reafirman a súa vontade de continuar loitando por un transporte público de calidade, con emprego digno e estable, e por aumentar a participación das persoas traballadoras nas decisións que lles afectan directamente.
A sección sindical da CIG nos Urbanos de Ourense agradece a confianza depositada polo persoal e comprométese a seguir traballando con transparencia, responsabilidade e firmeza na defensa dos intereses da clase traballadora.

















