O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama ao Goberno impulsar os servizos ferroviarios na comarca do Ribeiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado compromiso e axilidade para implantar novos servizos ferroviarios de proximidade, así como mellorar as conexións ferroviarias na comarca do Ribeiro. Rego reclama o impulso das cercanías, medida imprescindíbel recollida no Acordo de Investidura asinado polo BNG, para conectar as principais vilas e cidades da Galiza e garantir que o interior non fique atrás.

Durante a súa visita, o deputado nacionalista estivo acompañado polo responsábel comarcal do BNG do Ribeiro, Xavier López Pousa, e os concelleiros e concelleiras da organización nacionalista en Ribadavia, Maite Rodríguez Berta Travieso, e Cenlle, Xosé Alberte Dieguez e Carme Fernández.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“A comarca do Ribeiro precisa un servizo ferroviario que permita desprazamentos de forma áxil e sustentábel, ao tempo que axuda a fixar poboación e dinamizar economicamente a comarca” subliña o deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego considera que o desenvolvemento dos servizos ferroviarios de proximidade é unha peza chave para artellar o territorio galego e corrixir o déficit histórico en materia de infraestruturas ferroviarias que sofre a Galiza.

A este respecto, Rego lembra que grazas ao traballo do BNG, conseguiuse introducir no Acordo de Investidura a implantación das cercanías ferroviarias na Galiza. Alén disto, no Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel aprobado no Congreso o BNG logrou incorporar unha nova disposición adicional en que se estabelecía a elaboración dun estudo específico dos servizos de transporte ferroviario de proximidade na Galiza, que debe estar rematado no prazo máximo de seis meses.

Neste sentido, o deputado do BNG lamenta que o Partido Popular introducise unha emenda no Senado que modifica a citada disposición adicional conseguida pola formación nacionalista no Congreso relativa ao estudo de novos servizos ferroviarios na Galiza. “O PP tenta retrasar a implantación destes servizos e mesmo nega o recoñecemento explícito conseguido polo BNG sobre que a Galiza sofre un déficit histórico en infraestruturas ferroviarias” acusa Rego o Partido Popular.

Por outra parte, aproveitando a visita do deputado do BNG no Congreso, a organización nacionalista avanza o rexistro de iniciativas para reclamar ao Goberno, a través de ADIF, a cesión gratuíta ao Concello de Ribadavia das vivendas en desuso da estación de ferrocarril. “O obxectivo é que estes inmóbeis, após o seu acondicionamento, sexan destinados a vivenda social, contribuíndo a dar resposta ás necesidades da veciñanza e á emerxencia habitacional existente a día de hoxe” defende o responsábel comarcal, Xavier López.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------