O pasado día 12 de outubro, un dos operativos especiais do subsector de tráfico da Garda Civil de Ourense, dentro do Plan Integral de Prevención da Sinistralidade de Motocicletas en Vías Interurbanas, culminaba coa detección e denuncia de 5 motoristas por condución temeraria, 7 por excesos de velocidade, e 4 por outras denuncias como carencia de seguro obrigatorio e itv, mal uso do casco de protección ou realización de adiantamentos antirreglamentarios, os cales se enfrontarán a sancións de entre 200€ e 500€, e detraccións de puntos entre 0 e 6. O dispositivo, realizado sobre a estrada OU-540, entre os concellos de Celanova e Bande, contou con patrullas en vehículos camuflados, controis de velocidade e observación a distancia de condutas de risco mediante dispositivos técnicos.
A Estratexia de Seguridade viaria 2030 mostra unha especial preocupación polos motoristas pola súa elevada vulnerabilidade. Neste sentido, España presenta proporcións máis altas de sinistralidade no caso as persoas usuarias de motocicleta. Aínda que España posúe un parque de motocicletas moito máis numeroso que a maioría dos países da contorna da Unión Europea e o seu uso pode estar máis xeneralizado, acompañado por un clima normalmente benigno para o seu uso, non é menos certo que as cifras de sinistralidade do mencionado colectivo seguen sendo excesivas, consolidándose dita tendencia. Por outra banda, en canto ao índice de letalidade por medio de desprazamento e tipo de vía, conforme á citada Estratexia, a motocicleta e o ciclomotor representa o segundo maior índice en vía interurbana, só superado polo peón.
Desde o subsector de tráfico de Ourense, a Garda Civil matiza que a situación actual da sinistralidade de motocicletas en Galicia presenta unha serie de desafíos que requiren atención inmediata. Entre as debilidades destacan: a época primavera/verán, na que se observa un aumento alarmante nos accidentes graves, na que ten moito que ver a chegada do bo tempo; a orografía, característica da comunidade galega que contribúe á problemática; a rede viaria, que se distingue pola súa sinuosidade, o que fai aumentar a complexidade da condución de motocicletas; e a falta de concienciación sobre os riscos asociados á condución de motocicletas facendo que se converta noutro obstáculo importante que debe abordarse.
No ano 2023, do total dos 82 sinistros viarios con vítimas mortais que se produciron, en 14 estiveron implicadas as motocicletas e en 1 un ciclomotor, co resultado de 15 falecidos. Isto supuxo que no 18,29% do total dos sinistros viarios con vítimas mortais estivesen implicadas as motocicletas. No ano 2024, pola súa banda, do total dos 80 sinistros viarios con vítimas mortais que se produciron en Galicia, en 21 estiveron implicadas as motocicletas e en 3 os ciclomotores, co resultado de 26 falecidos. Isto supuxo un 32,5% do total dos sinistros viarios con vítimas mortais.
Por iso, desde o Subsector de tráfico, manifestan que resulta crucial loitar contra certas ameazas, como son os comportamentos de condución irresponsables, tanto por parte de motociclistas como de condutores doutros vehículos que representan unha ameaza constante para a seguridade viaria, resultando crucial esta toma de medidas para abordar estes comportamentos e promover unha cultura de condución responsable en todas as partes involucradas.
















