O BNG denuncia que o PP de Ramirás tamén intenta tapar o problema da auga

• As nacionalistas critican que o portavoz popular, Juan Carlos Rodríguez Matías, se comprometese en setembro a propiciar un pleno extraordinario e monográfico e, un mes despois, coopere coa alcaldesa no encubrimento da contaminación na auga para consumo humano.

Ramirás, 30 de outubro.- Juan Carlos Rodríguez Matías faltou á súa palabra e ao compromiso que asumiu en nome do PP de Ramirás o pasado 24 de setembro. Naquel pleno, a iniciativa do BNG para impulsar unha sesión extraordinaria e monográfica de maneira urxente para tratar o problema da contaminación da auga saíu adiante co respaldo dos populares, o que obrigaba á alcaldesa, Isabel Gil (PSOE) a realizar esa convocatoria, reservándose os concelleiros da oposición a capacidade de activar eles mesmos o pleno extraordinario se a Alcaldía se demoraba.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Pasou un mes e o PP non moveu un dedo nin Rodríguez Matías deu explicación algunha da súa actitude”, lamenta Marcos Meléndez, concelleiro e portavoz do BNG en Ramirás. “Non se entende a falta de interese en coñecer o que pasa nin que sentido da responsabilidade ten o anterior alcalde nin o silencio dos populares diante dun problema gravísimo de saúde pública. É un fracaso do PP e o problema non vai desaparecer por tapar os ollos”, reflexiona.

O BNG, que leva meses dando voz na institución municipal e nos medios de comunicación á preocupación das veciñas e dos veciños, fiscalizou e denunciou irregularidades na xestión do servizo por parte de Isabel Gil (como a ocultación de facturas ou a falta de persoal de mantemento) así como o disparatado gasto no transporte de auga en camións cisterna para encher depósitos e intentar rebaixar os niveis de arsénico.

A alcaldesa non convoca, convoca e desconvoca

As nacionalistas critican ademais o uso das institucións que fai a alcaldesa, que primeiro eludiu a convocatoria do pleno ordinario neste mes de outubro, despois acordou convocar (o pasado martes, día 27) un pleno extraordinario para este venres (día 30) e, finalmente, suspendeu onte mesmo (24 horas antes) está convocatoria sen explicar o motivo.
O BNG considera que, ao eludir a convocatoria ordinaria da corporación, a alcaldesa intentaba impedir que o BNG volvese denunciar irregularidades e eivas no servizo de augas que seguen sen solución.

Porén, Isabel Gil tivo que promover unha sesión extraordinaria pola obriga de levar o plenario as contas do transporte en cisternas ao pleno para aprobar un recoñecemento extraxudicial de créditos relativos a esas facturas. Malia que a alcaldesa volveu demorar a entrega da documentación solicitada polo BNG, as nacionalistas puideron comprobar que o gasto durante os meses de setembro e outubro continúa disparado.

A factura das cisternas do último mes

O Concello de Ramirás ten unha débeda coa empresa Vázquez y Arias, a encargada do transporte de auga que se capta en Viaqua en Ourense, de más de 61.000 euros por dezaseis facturas emitidas ente o 4 de setembro e o 27 de outubro. É dicir, unha media de máis de 1.100 cada día, que se suman aos 1.200 euros por día que a propia alcaldesa recoñeceu como gasto medio durante o mes de agosto.  

En apenas tres meses, Ramirás destinou máis de 100.000 euros nunha actuación que non solucionou o problema da concentración de arsénico por riba dos niveis recomendados pola OMS na auga destinada a consumo humano.

“Mais a constatación desta ameaza para a saúde pública, posta en evidencia pola acción do BNG, non parece suficiente para convencer a Juan Carlos Rodríguez Matías, o cabeza visíbel do PP, nin ao seu partido de cumprir os compromisos que alcanzan coas nacionalistas para poñer freo á intervención irresponsábel de Isabel Gil”, conclúe o portavoz do BNG, Marcos Meléndez.

Agora, o trámite do recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar esas facturas queda tamén pendente.