A localidade carballiñesa de Señorín acolleu con gran éxito na noite de onte, sábado, un magosto popular, unha iniciativa promovida pola comisión das festas do Carmen a fin de recuperar antigas e tradicionais xuntanzas da veciñanza que hai décadas que non se celebraban.
Na previsión de choiva e aínda que finalmente non foi necesaria, a organización instalou, ao carón do local social da parroquia, unha enorme carpa para dar acubillo aos máis de 400 comensais que se tiñan anotado para a cea, e que deron boa conta das racións de empanada, panceta, chourizos e, como non, castañas, todo elo acompañado por viño, auga e refrescos, para rematar con chocolate e bica.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A diversión estivo garantida pola animación musical do DJ Tibu, que fixo bailar ao persoal, e dun dúo musical, de xeito que a festa prolongouse ata altas horas da madrugada de hoxe, domingo.
Os integrantes da comisión organizadora das festas de Señorín manteñen a súa iniciativa de promover xuntanzas de confraternidade entre a veciñanza, non só da parroquia senón tamén de todo O Carballiño, e, por ise motivo, traballaron nas últimas semanas para ofrecer á cidadanía a celebración deste tradicional magosto, tal e como nos comentaban Magín Daparte e Manuel Sotelo, integrantes da comisión organizadora.
Nesta celebración tamén estivo presente o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, que felicitou aos organizadores pola recuperación deste festexo, “xa que, despois do Carmen, están a demostrar o seu poder de convocatoria, e doulles a noraboa polo gran traballo que están a desenrolar”.
















