A Lira estreará o emocionante espectáculo musical “Unha viaxe ao corazón dos contos” o 27 de decembro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A banda de música A Lira de Ribadavia ofrecerá o sábado 27 de decembro de 2025, ás 19,30 horas, na Casa da Cultura de Ribadavia, o seu tradicional concerto de Nadal, que este ano chega cun formato especial baixo o título Unha viaxe ao corazón dos contos.

Trátase dun percorrido musical e cantado por algunhas das historias máis queridas do cinema familiar, nun espectáculo pensado para emocionar a pequenos e non tan pequenos. Sobre o escenario reuniránse case cen intérpretes, entre músicos, voces solistas e coro, convertendo esta cita nun dos proxectos máis ambiciosos da historia da Lira.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O concerto contará coa colaboración de Pablo Pérez, Elisa Novoa (soprano), Christian Casas (barítono), o coro Enharmonía e o alumnado da Escola de Música Mestre Veneroni, que se sumarán á banda para dar vida a esta viaxe sonora chea de ilusión e lembranzas.

A proposta estrutúrase en nove escenas, nas que palabra, imaxe e música se entrelazan para narrar a evolución deste universo máxico dende os seus inicios ata a actualidade. O fío condutor correrá a cargo de Pablo Pérez, que dará vida a Frank Thomas, un recoñecido debuxante da época. A través da súa voz e do seu relato, o público descubrirá —coma se dun conto infantil se tratase— a fascinante historia e os avances do mundo da animación ao longo do tempo.

«Queremos que quen veña ao concerto volva sentir esa emoción coa que todos vimos algunha vez estas películas por primeira vez», comenta Iván Estévez, presidente da Lira. «Detrás de cada nota hai moita ilusión, moitas horas e, sobre todo, moito cariño por parte de todos os que formamos esta familia. Ademais, é unha ocasión perfecta para pasar unha fin de semana en Ribadavia, gozar da súa hostalaría e deixarse levar polo ambiente tan especial que crean a música e o alumeado de Nadal na vila».

Pola súa parte, Xabier Oliveira, director da banda, sinala que «este proxecto é unha mostra do que se pode conseguir cando hai ilusión compartida. Reunir a tantos músicos, voces e colaboradores arredor dunha idea común é unha experiencia marabillosa, e estamos desexando compartir ese traballo co público».

A concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, destacou “o enorme labor que A Lira realiza durante todo o ano como referente cultural de Ribadavia, e a súa capacidade para sorprendernos cada Nadal con propostas que combinan talento, emoción e creatividade”. Engadiu ademais que “Unha viaxe ao corazón dos contos é unha cita perfecta para gozar en familia e tamén unha mostra do potencial artístico e humano que temos na vila. Dende o Concello queremos agradecer e apoiar sempre proxectos coma este, que enchen Ribadavia de vida e de música nestas datas tan especiais”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, puxo en valor “o tirón que ten Ribadavia como destino turístico no Nadal, grazas a unha programación completa, cultural e diversa que acompaña a maxia que xa de seu teñen as nosas rúas”. Engadiu que “concertos como o da Lira contribúen a facer aínda máis especial esta época, nun pobo que cada ano brilla co seu alumeado, a súa decoración e o espírito acolledor da súa xente”.

Como novidade, será necesario facer reserva de asento, dispoñible de forma gratuíta para as persoas socias da Lira e cunha aportación simbólica de 3 euros para o público xeral. Dentro duns días anunciarase o método para a reserva do asento.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------