Cine Club ofrece esta fin de semana un programa dobre con “Un home diferente” e “Tardes de soidade”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta fin de semana Cine Club Carballiño programa unha dobre sesión de venres e domingo. Mañá, venres día 14, proxectarase o filme norteamericano “A different man” (Un home diferente), de Aaron Schimber, unha acertada e orixinal mistura de comedia negra e thriller.  O ambicioso actor neoiorquino Edward sométese a unha operación para cambiar drásticamente o seu aspecto. Como resultado, moitas cousas cambian na súa vida e, porén, todo segue perturbadoramente igual. Aínda que cambiase exteriormente, e poida comezar unha nova vida, segue a ser quen é non quen quere ser. Entón perde o papel da súa vida e a súa nova faciana de soño convértese nun pesadelo.

O filme estivo nominado aos Oscar en maquillaxe e perruquería, e conta con dúas magníficas interpetacións de Renate Reinsve e Sabastian Stan, que foi premiado co Oso de Prata en Berlín e o Globo de Ouro polo seu traballo. Os pases serán, coma sempre, ás 20,00 horas en versión dobrada ao castelán, e ás 22,30 horas en VOS, no Auditorio Manuel María do Carballiño. 

E o domingo día 16, Cine Club proxectará  unha sesión do ciclo ‘Filmoteca’, neste caso coa película española “Tardes de soledad” (Tardes de soidade), de Albert Serra, gañadora da Concha de Ouro á Mellor película no Festival de San Sebastián. Retrato dunha figura do toreo en activo, Andrés Roca Rey, que permite reflexionar sobre a experiencia íntima do torero. Un filme diferente e atrevido, dunha enorme beleza e plasticidade, considerada por moitos unha auténcia obra mestra. Haberá un único pase ás 20,00 hora no Auditorio Manuel María.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------