A CIG-Construción denuncia xornadas abusivas e falta de seguridade tras unha nova morte nas obras do AVE en Ourense

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A central leva anos alertando da situación de explotación que padecen as persoas traballadoras e a alta sinistralidade laboral na zona

Ourense, 18 de novembro de 2025.

A CIG-Construción volveu denunciar hoxe que as condicións de explotación que padecen as persoas traballadoras nas obras do AVE en Ourense, con xornadas abusivas e falta de medidas de seguridade, están detrás da alta sinistralidade que se rexistra na zona dende o inicio dos traballos. Esta mañá produciuse un novo accidente mortal na boca norte do túnel próximo ao polígono de Barreiros, en San Cibrao das Viñas, un falecemento que se suma aos 11 rexistrados até o de agora nunha obra pública que acumula ademais ducias de accidentes graves.

No sinistro que tivo lugar por volta das 10:00 horas resultou morto un operario dunha subcontrata, mentres que outro compañeiro resultou ferido. É precisamente o persoal das empresas auxiliares, maioritariamente de orixe portuguesa, os que padecen as peores condicións de traballo, con xornadas excesivas de entre 10 e 12 horas diarias.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A este exceso de xornada súmaselle a falta de medidas de prevención e seguridade laboral, tendo en conta ademais que os traballos van con atraso e a obra xa tiña que estar entregada. “Este persoal transfronteirizo das subcontratas adoita traballar por horas, polo que non para nos días festivos nin conta con vacacións nin cos descansos de convenio; de feito, moitos deles traballaron o pasado día 10 a pesar de que é día libre de convenio na provincia”, tal e como explica o secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

Esta situación de explotación laboral e de alta sinistralidade motivou a posta en marcha dunha campaña por parte da CIG no ano 2018, con protestas nas obras e denuncias na Inspección de Traballo polo exceso de horas extraordinarias (a central chegou a contabilizar até 70 mil nun ano).

A CIG tamén lle trasladara á autoridade laboral que este exceso de xornada tradúcese nun aumento da sinistralidade. “Con esas condicións non é de estrañar o altísimo índice de sinistralidade na obra; moitos deses accidentes producidos unha vez superadas as oito horas de traballo”. A CIG ten rexistrados cando menos varias ducias sinistros nestas obras, que provocaron a morte de 12 persoas mortas e deixaron preto de 30 feridas, incluíndo varias amputacións e atropelos graves.

De feito, a central xa denunciara polo Penal no Xulgado de Verín en 2018 a elevada sinistralidade, tras o que se iniciaron dilixencias previas das que a CIG fai parte como acusación particular. “Non se pode seguir de costas ao que está a acontecer nas obras públicas, nas que se vulneran os dereitos das persoas traballadoras, cando tiñan que ser o referente en canto ao cumprimento dos dereitos e de seguridade e saúde laboral”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------