A Casa da Cultura acolle mañá a presentación do proxecto turístico ‘O Carballiño e a gastronomía do polbo’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Casa da Cultura do Carballiño acollerá, mañá, xoves día 20, a xornada “Polbo con Orixe: do produto á experiencia” , un evento que servirá para debater sobre a enogastronomía como piar e elemento nuclear da experiencia turística, e que contará coa presenza de destacados representantes institucionais e expertos dos sectores turístico e gastronómico.

A cita celebrarase en horario matutino e desenvolverase a través de conferencias e mesas redondas nas que se afondará na figura dos clubs de produto como instrumento para visibilizar a idiosincrasia dun territorio, así como no papel das administracións locais como impulsoras das cadeas de valor turística e enogastronómica.

En primeiro lugar, responsables de clubs de produto de ámbito autonómico e nacional intercambiarán ideas sobre como estas iniciativas permiten incrementar a competitividade das empresas locais e facer o destino máis atractivo para as persoas que o visitan. Unha segunda mesa de debate centrarase na importancia da colaboración público-privada para implicar ao tecido económico na implementación dunha estratexia consensuada e a longo prazo.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O acto servirá para presentar o Club de Produto Polbo con Orixe, unha iniciativa que busca consolidar O Carballiño como un destino turístico de referencia no eido enogastronómico. Este proxecto nace ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “O Carballiño e a gastronomía do polbo” e está financiado pola Unión Europea – NextGeneration EU.

O polbo, símbolo da cociña galega e referente gastronómico do Carballiño, convértese no eixe principal desta actuación que busca non só realzar a importancia cultural e histórica deste produto, senón tamén fortalecer a conexión con outros produtos da contorna, como o viño da Denominación de Orixe do Ribeiro e o pan da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea.

Máis información sobre o Club de Produto Polbo con Orixe:

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------