O PSdeG-PSOE de Cenlle insta ao Concello a realizar unha auditoría externa das contas municipais

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Cenlle insta ao goberno municipal a elaboración dunha auditoría externa das contas municipais e das distintas áreas de xestión municipal, tanto políticas, como procedementos e finanzas, a raíz da trama do canon da auga. As e os socialistas consideran que vistas as “irregularidades” que se levan sucedendo no tempo na área de xestión da auga e considerando “moi importante” a transparencia e o bo facer en tódalas áreas municipais “debemos traballar para que non se produzan máis situacións similares”.

No pleno municipal celebrado no día de hoxe, o grupo socialista presentou unha moción de este senso co obxectivo que “se aclare dunha vez por todas o acontecido co canon da auga”. As e os socialistas consideran que a “neglixente” xestión dos diferentes alcaldes do PP, empezando por Gabriel Alén, provocou que o concello teña agora que asumir o pago de multas e recargos que chegan xa case aos 300.000 euros. Neste senso tamén apuntan que a veciñanza “quere saber que pasou con eses cartos e cos que se desviaron a outra conta allea ao concello, xa que estamos falando dun posible fraude ao erario público”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Cenlle, María Ángela González Pérez, fai fincapé en que “estamos ante un posible caso de malversación de fondos públicos” e subliña que unha auditoría “axudaría a comprobar quen foi o culpable da situación, onde foron a parar os cartos e se hai algunha outra trama que se está ocultando”. A edil socialista sinala que o PP “opúxose a auditoría por mor de ter que pagala, pero posteriormente a petición doutro grupo da oposición si aceptou que sexa a Deputación Provincial a que realice a auditoría”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na sesión plenaria, o PSdeG-PSOE de Cenlle aproveitou para preguntar por diferentes cuestións relacionadas coas finanzas municipais e as arcas públicas. Deste xeito trasladáronlle ao goberno local se a veciñanza de Cenlle “pode estar tranquila de que os cartos aportados son adecuadamente previstos nos orzamentos aprobados cada ano, e por tanto se o remanente de tesourería é real”. Tamén fixeron fincapé en “cal é o motivo de que as liquidacións da Deputación non se paguen na mesma conta e que se traballe en varias contas para as facturacións e liquidacións, sabendo que nestas contas aparecen cantidades importantes que nada teñen que ver cos conceptos para os que a conta está destinada”.

De igual forma, a voceira socialista tamén puxo o foco en si o concello “ten actualmente liquidados tódolos importes que debía á administración pública?”; se os alcaldes “teñen a obriga de coñecer e supervisar as contas municipais e o seu incumprimento pode dar lugar a responsabilidades e sancións?”; se tralo abandono de Cortegada da mancomunidade do Ribeiro “isto implicará unha maior aportación por parte do concello de Cenlle ou se se pensa abandonar a mancomunidade?”; se a veciñanza que quere recuperar os contadores de auga que se quitaron para por os contadores intelixentes “pode recuperalos ou se van a devolver?”; ou se na aldea modelo de Osmo “a Xunta ten arrendadas terras para a explotación de gando porcino, especificamente de raza do porco celta?”.

As e os socialistas tamén presentaron as seguintes preguntas:

  • Tendo en conta que desde hai anos o Partido Popular aproba os presupostos nas reunións da xunta de goberno, non se considerou nin se considera a día de hoxe ter en conta as múltiples débedas que ven acumulando este concello nin se fai un control das tarefas que cada quen ten a obriga de facer para que despois as contas saian?
  • Despois de que esta corporación en representación da veciñanza de Cenlle descubrise a mala tramitación dos recibos de auga, o grupo de goberno pode asegurarnos que todos os veciños están ao corrente de pagos e que poden e podemos estar tranquilos que as lecturas dos contadores estean ben efectuadas?, porque temos coñecemento de que hai veciños os que non se lles pasa os recibos pertinentes a este concepto.
  • Analizando a conta de ABANCA destinada ao servizo de augas, percibimos moitas irregularidades, a maiores das operación bancarias nas que se desviaba diñeiro para unha conta allea o concello. Aparecen moitas devolucións de recibos, retiradas importantes de diñeiro para impostos, que non sabemos cales son. Poden explicarnos estes movementos desta conta?.
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------