O Auditorio Manuel María do Carballiño quedouse pequeno na noite de onte, mércores, para a inauguración do Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga. Máis de 500 persoas acudiron á estrea mundial de “As maos da pulpeira”, de Silvia Cachafeiro, un filme que retrata a vida das pulpeiras do Carballiño nos anos 50. O equipo técnico e artístico da película participou nun pequeno coloquio co público despois da proxección, no que deron conta da importancia de contar o duro día a día das pulpeiras, ademais de achegar curiosidades sobre a rodaxe.
Diego Fernández, concelleiro de Cultura, puxo en valor o traballo realizado polos irmáns Mario e Daniel Fernández Filloy, directores artísticos do festival e impulsores no 2024 do novo modelo da cita cultural. “Convidamos á veciñanza a desfrutar da variada proposta de curtametraxes que nos ofrece a Xociviga”, apuntou. Pola súa parte, Mario Fernández Filloy destacou a elevada participación do público na xornada inaugural, e resaltou a calidade dos 32 filmes que se proxectarán no auditorio ata o domingo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Programación
Desde hoxe a ata o sábado 22, terá lugar a proxección das curtametraxes a competición, divididas durante os tres días en tres bloques de aproximadamente unha hora de duración: ás 17,30, ás 19,00 e ás 20,30 horas.
As curtas da Sección Oficial Internacional (curtametraxes de todo o mundo que compiten polo premio Xentes e onde tamén se atopan as 4 curtas galegas) dividiranse en sete bloques, repartidos do seguinte xeito: Xentes 1 (xoves ás 17,30 horas), Xentes 2 (xoves ás 20,30 horas), Xentes 3 (venres ás 17,30 horas), Xentes 4 (venres ás 20,30 horas), Xentes 5 (sábado ás 17,30 horas), Xentes 6 (sábado ás 19,00 horas) e Xentes 7 (sábado ás 20,30 horas).
As curtas da Sección Xénese (onde compiten curtas peninsulares de novos creadores menores de 30 anos) estará dividida en 2 bloques repartidos do seguinte xeito: Xénese 1 (xoves ás 19,00 horas) e Xénese 2 (venres ás 19,00 horas).
Algunhas sesións contarán coa presenza dos equipos das curtametraxes para facer presentación e coloquio.
O domingo 23 ás 11,30 horas haberá unha proxección familiar co filme de animación “Balto” (1995) de Simon Welles, recomendada para tódalas idades e especialmente pensada para o público infantil.
Por último, o domingo 23 pola tarde será o peche desta edición coa proxección das curtas favoritas do público (as que recibiron mellor nota durante a semana no voto do público) ás 17,30 horas e a gala de entrega de premios (xunto coa proxección das curtas gañadoras) ás 19,00 horas.
O voto do público estará dispoñible en tódalas sesións do xoves, venres e sábado, e consistirá en cubrir unha tarxeta ao saír de cada proxección outorgándolle unha nota do 1 ao 10 a cada curta visionada en dita sesión. Tódolos días actualizarase unha listaxe pública coa nota media que recibiron as curtas o día anterior.

















