A Deputación de Ourense e o Concello de Cenlle veñen de formalizar un convenio de colaboración para financiar e executar o proxecto de “acondicionamento do campo de fútbol municipal de Cenlle”, unha actuación destinada a mellorar as instalacións deportivas do municipio e impulsar a práctica do deporte a nivel local.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e a alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo, asinaron este acordo que permitirá acometer un investimento total de 402.679,84 euros. Deles, a Deputación aportará 362.411,86 euros, distribuídos entre os exercicios 2025, 2026 e 2027, mentres que o Concello contribuirá con 40.267,98 euros.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O convenio inscríbese nas competencias provinciais de asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos, así como no fomento do deporte en toda a provincia, segundo a Lei de Administración Local e a Lei do Deporte de Galicia. Así mesmo, a actuación está incluída nas liñas estratéxicas do Plan de Subvencións 2024-2027 da Deputación de Ourense, que aposta polo apoio aos servizos municipais e pola mellora das infraestruturas deportivas.
O proxecto permitirá renovar e mellorar o campo de fútbol municipal, garantindo unhas instalacións axeitadas para o uso deportivo e social da veciñanza, reforzando a dinamización comunitaria e promovendo hábitos de vida saudable.
A achega provincial distribuirase do seguinte xeito: 2025 (150.000 €); 2026: (150.000 €); 2027 (62.411,86 €). Pola súa parte, o Concello achegará 40.267,98 €, podendo complementar esta aportación con outras fontes de financiamento externas.
O convenio establece que o Concello asumirá a redacción do proxecto, a contratación e dirección das obras e a xustificación das achegas, mentres que a Deputación cofinanciará a actuación e velará polo seu cumprimento a través dunha comisión de seguimento integrada por representantes de ambas institucións.
Con esta actuación, Deputación e Concello reafirman o seu compromiso coa mellora dos equipamentos municipais, favorecendo o acceso da poboación a instalacións deportivas modernas, seguras e funcionais.
O presidente da Deputación, Luis Menor, destacou que “a cooperación cos concellos é unha prioridade absoluta, especialmente en proxectos que melloran a calidade de vida, fomentan o deporte base e contribúen ao equilibrio territorial”. Pola súa parte, a alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo, subliñou que “este investimento permitirá reforzar un espazo deportivo clave para o municipio e para a mocidade, garantindo o seu uso en óptimas condicións durante os próximos anos”. Pola súa banda, o secretario do Club Deportivo Cenlle, Daniel Requejo, agradeceu a colaboración da Deputación e puxo en valor que o CD Cenlle “é un dos clubs máis antigos da provincia e merece un campo acorde ao noso legado”.

















