Ribeiro en Común denuncia que un ex concelleiro do PP de Ribadavia foi o único concorrente nunha subasta municipal sen publicidade

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un ex concelleiro do PP dimitido nesta lexislatura, e persoa de máxima confianza política do alcalde, foi a única persoa que concorreu a unha subasta do Concello de Ribadavia sen publicitar nin no web municipal, nin redes sociais (nin oficiais nin persoais) nin en ningunha xornal nin prensa, según denuncia Ribeiro en Común. Un anuncio que, engaden, “só foi publicado no BOP por ser isto esixido por lei, pero sen realizar ningún aviso nin publicidade do proceso de subasta”.

“Esta falta de publicidade e difusión choca co que faciamos Ribeiro en Común desde o goberno de coalición do pasado mandato. Cando fixemos unha subasta pública de varios inmobles, cunha extensa difusión en medios, web municipal, redes e prensa. A pesar disto, o PP desde a oposición atreveuse a criticar un proceso que si foi totalmente transparente e garantista, no que existiu unha ampla difusión e no cal todos os grupos municipais foron informados e convocados”, lembra Brais Fidalgo, voceiro de Ribeiro en Común.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Agora, neste 2025 o actual goberno realizou unha subasta dunha vivenda en San Cristovo de Regodeigón, que foi vendida por pouco máis de 20 mil euros, e á cal o ex concelleiro foi o único que concorreu”, apunta o concelleiro da oposición. E engade que, “sen embargo, nesta parroquia varios veciños manifestaron o seu malestar co Concello por non difundir esta información, sendo a única forma de enterarse desta subasta a través de ler o BOP diariamente, ou a través de que algunha persoa do goberno dera a información”.

A este respecto, no pasado pleno de outubro, Ribeiro en Común preguntoulle ao alcalde, César Fernández, “sobre como é posible que este ex concelleiro, e persoa de máxima confianza do alcalde, fora a única persoa que se enterara desta subasta” e consideran que “a resposta dada non foi convincente, ao que engadimos que nos custa crer que este ex concelleiro se enterara polo BOP, e non porque alguén do goberno local lle dera o aviso. O que supón un agravio importante para os demais veciños”.

Por todo elo, Ribeiro en Común leva ao pleno deste mes de novembro esta situación en forma de moción, “e agardamos polos menos contar co apoio dos grupos da oposición”, conclúe Brais Fidalgo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------