Ribeiro en Común vén de denunciar que “o goberno local está levando a cabo obras e reformas de ducias de locais afectados pola norma PEPRI, e faino sen contar con ningún informe técnico da Oficina de Urbanismo do Concello de Ribadavia, nin consta ningún informe sectorial de Patrimonio, nin tampouco ningún destes proxectos foi levado nin tratado na comisión de seguimento do PEPRI, cando moitas das intervencións están moi avanzadas ou xa rematadas”.
“Estamos a falar dun caso grave de incumprimento da legalidade por parte do goberno municipal de Ribadavia, que podería ocasionar un grave prexuizo á nosa institución e ao propio proxecto que, de facerse ben, podería supoñer unha boa oportunidade para impulsar o noso casco histórico grazas ao importante investimento da Xunta”, apunta o voceiro de Ribeiro en Común, Brais Fidalgo. E engade que “directamente relacionado con este desprezo pola legalidade do goberno municipal, semella que está a contratación a dedo dun arquitecto privado por parte do Concello, baixo a formula de contrato menor por servizo”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Para Ribeiro en Común “todo parece indicar que o que pretende o goberno do PP é saltarse a oficina municipal de urbanismo (que segundo a RPT aprobada recentemente conta con dúas prazas, unha de arquitecta e outra de arquitecta técnica) e á propia comisión de seguimento do PEPRI, na cal tamén ten representación a Xunta (IGVS, da Consellaría de Vivenda, e Patrimonio, da Consellaría de Cultura)”.
En consecuencia, este grupo política traslada ao pleno da Corporación unha moción, na que solicita do Concello que retome o cumprimento da normativa urbanística municipal e convoque a praza de arquitecta técnica municipal. Ademais, Ribeiro en Común pide á Alcaldía que solicite a Patrimonio o informe sectorial pertinente e convoque a comisión de seguimento do PEPRI para os proxectos ‘Vilas Vivas’.














