O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, representado polo seu vicepresidente, Carlos Basalo e o seu xerente-secretario, Luis Vázquez, mantivo unha reunión de traballo esta mañá coa conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, acompañada do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, para reforzar a cooperación entre ambas entidades.
Durante o encontro, que se desenvolveu nun clima de colaboración e pleno entendemento, o foco principal centrouse na posta en marcha efectiva da Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia, especialmente nos mecanismos de mobilización de terras aplicables ao Ribeiro, co obxectivo de frear a perda de superficie de viñedo e recuperar parcelas hoxe inactivas.
Neste sentido, o Consello Regulador trasladou á Consellería a urxencia de activar instrumentos previstos na lei como os proxectos de recuperación de terra agraria (PRT) adaptados á realidade vitícola do Ribeiro; as áreas de reestruturación produtiva específicas para viñedo; os polígonos agroforestais orientados ao uso vitícola en zonas de forte abandono; as agrupacións de xestión conxunta para facer viable a explotación de parcelas pequenas e dispersas, e a investigación de titularidades e mobilización de fincas en abandono, un dos principais problemas estruturais da denominación. O Consello Regulador valorou positivamente a disposición da Consellería para iniciar traballos técnicos inmediatos.
Ademais da aplicación da lei, a reunión tamén permitiu abordar outras liñas de cooperación como a posta en valor do viñedo, o impulso á sustentabilidade, o apoio á recuperación de terras vitícolas e a promoción dos viños da denominación, así como unha análise conxunta dos datos de vendima, que este ano superaron os 8 millóns de quilos, cunha predominancia do 95% de variedades de uva branca.
O Consello Regulador agradeceu a receptividade da Consellería e destacou que a correcta implantación da Lei de recuperación da terra agraria no Ribeiro é unha oportunidade histórica para garantir a continuidade vitícola da comarca, recuperar superficie perdida e aumentar a dispoñibilidade de uva para adegas e colleiteiros.

















