O Concello de Ribadavia acende este sábado o Nadal con preto dun millón de luces LED que iluminarán a meirande parte das rúas da vila. Un ano despois de converterse na primeira localidade galega en gañar o concurso de Ferrero Rocher nas súas 11 edicións, Ribadavia amplía a decoración e reafirma así a súa aposta por un Nadal único e cheo de encanto. En 2024, milleiros de visitantes achegáronse á vila para desfrutar da iluminación, e o goberno local agarda que agora o éxito sexa cando menos igual, senón maior.
Este ano, no que Ribadavia aínda mantén o cetro de gañadora ata que se resolva o novo concurso, a vila alíase con A Garda, única poboación galega que aspira a facerse co premio 2025. Non empezou mal, pois aí sigue tras a primeira criba, na que quedaron excluídas 12 das 17 vilas candidatas. Tal e como fixera o ano pasado Ribadavia, A Garda quere erixirse como a “vila na que máis loce”, un título que atrae a milleiros de visitantes non só durante o Nadal, senon tamén durante o resto do ano. E a capital do Ribeiro, consciente de revulsivo que supón para calquera vila, conxúrase con ela para traspasarlle experiencia, apoios e, porque non, a boa fortuna, de xeito que o premio siga un ano máis en Galicia.
Nesa liña de colaboración aberta por César Fernández, alcalde de Ribadavia, coa vila gardesa, este sábado desplazarase ata a capital do Ribeiro unha delegación de aquel Concello, encabezada polo seu alcalde, Roberto José Álvarez, que participará no acendido para animar á poboación a apoiar a candidatura da localidade pontevedresa. A xornada, que convertirá a iluminación no arranque do Nadal en Ribadavia, rematará co concerto de Broken Peach, que porá a nota musical da celebración.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A partir do sábado, as luces encherán de cor e maxia as rúas do casco histórico, chegarán a novas zonas como a rúa San Martiño e a rúa Yáñez, e reforzaranse no Castelo dos Condes, que brillará con especial intensidade neste Nadal. A decoración completarase con outros elementos ornamentais que xa forman parte da tradición do Nadal ribadaviense, creando unha atmosfera acolledora e inesquecible para veciños e visitantes.
O acendido supón o punto de partida dunha ampla variedade de actividades que terán lugar na vila durante o resto do Nadal. A próxima fin de semana, coincidindo coa ponte de decembro, Ribadavia acollerá a segunda edición da feira “Artesanía, Saber e Sabor” no casco histórico. Entre os días 5 e 8, a vila converterase nun mercado aberto de produtos de Artesanía Alimentaria e Artesanía Galicia, e contará con 14 obradoiros de Artesanía de Galicia.

















