A Deputación colabora coa segunda edición de “Mercado en rural con porco celta” que levará degustacións desta raza autóctona ás prazas de abastos ourensás

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta iniciativa, impulsada pola Asociación de Produtores de Porco Celta (Asoporcel) coa colaboración do Inorde e de Cociña Ourense, pretende incentivar o consumo deste produto cárnico a través de elaboracións gastronómicas únicas

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, sinalou que esta actividade enmárcase nos obxectivos desta institución provincial de continuar  a traballar “a prol da conservación e recuperación desta raza autóctona, como levamos feito durante tantos anos”

Ourense, 1 de decembro de 2025

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, colabora coa Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) e con Cociña Ourense, na posta en marcha da segunda edición de “Mercado en rural con porco celta” que levará degustacións con derivados desta raza autóctona a distintas prazas de abastos da provincia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A iniciativa foi presentada hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial da man do presidente do Inorde, Rosendo Fernández; do director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez; do restaurante Pallabarro, Alberto Fernández, en nome de “Cociña Ourense”; e o teniente de alcalde de Bande, Óscar Cofán.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

O presidente do Inorde dixo que esta iniciativa enmárcase nos obxectivos desta institución provincial de continuar a traballar “a prol da conservación e recuperación desta raza autóctona, como levamos feito durante tantos anos”. O obxectivo é “defender os intereses dos criadores, impulsar estudos para a súa conservación e promocionar e difundir este produto de primeira calidade”, engadiu Rosendo Fernández.

Esta iniciativa, que se enmarca na segunda fase do roteiro “Mercado en Rural con Porco Celta”, regresa tralo éxito logrado na primeira edición que tivo lugar en abril. Ao longo das vindeiras semanas, o Porco Celta volverá ser protagonista nos mercados ourensáns, coincidindo coa plena tempada de Nadal. Precisamente, o teniente de alcalde de Bande, Óscar Cofán, recalcou que “para nós é unha honra acoller esta iniciativa”, e convidou aos consumidores a participar desta iniciativa polas prazas de abastos da provincia.

Tal e como explicou o director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez, quen agradeceu a colaboración da Deputación a través do Inorde nesta iniciativa, “buscamos achegar os nosos produtos aos consumidores e potenciar o seu uso”.

Nas degustacións participarán chefs ourensáns de referencia que sorprenderán ao público con elaboracións “nas que tradición e innovación se darán a man”, tal e como indicou Alberto Fernández, con propostas gastronómicas nas que o porco central é o ingrediente principal.

“Mercado en Rural con Porco Celta” intégrase na campaña de promoción “Tan noso”, coa que Asoporcel rende homenaxe á identidade, á terra e á cultura galega. Cunha traxectoria de máis de 25 anos na recuperación e posta en valor da raza, a asociación procura destacar o Porco Celta como símbolo de compromiso co territorio e coa nosa gastronomía.

Calendario das degustacións

As degustacións comezaron xa en Xantar, e agora continúan o 7 de decembro, en Bande da man de Martín Fernández do restaurante Bágoa Gastrobar. O 12 de decembro trasládase a iniciativa ao Barco de Valdeorras con Alberto Fernández de Pallabarro; e rematará o 13 de decembro no Carballiño con Marco Varela de Casal de Armán

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------