A Área da Muller e Igualdade do Concello do Carballiño propón para o actual mes de decembro a celebración de tres obradoiros orientados á participación de mulleres do municipio e que teñen carácter gratuíto. O programa destas actividades foi presentado esta mañá pola concelleira responsable deste departamento, Silvia Baranda, acompañada por Patricia e Marina, traballadoras do Centro de Información á Muller (CIM), sección que se encarga da organización.
Así, para os días 9, 10 e 13 de decembro está previsto un obradoiro de elaboración de coroas de Nadal, que terá lugar de 16,30 a 18,30 horas no segundo andar da Casa do Concello e cun número de 10 prazas para cada unha das quendas.

A segunda actividade consistirá nun obradoiro para a aprendizaxe do cultivo de setas, cun cupo de 20 prazas, e que se celebrará o 15 de decembro no devandito local, con horario de 16,00 a 19,00 horas.
Finalmente, o último obradoiro estará adicado o día 20 de decembro á elaboración de conservas, tamén no Consistorio e cunha cobertura de 20 prazas, e que terá lugar de 10,00 a 13,00 horas.

As persoas interesadas en participar nestes obradoiros poden inscribirse a partir de hoxe no propio CIM, situado nas dependencias de Servizos Sociais, na rúa Faustino Santalices, ou chamando ao teléfono 988.531.076.

















