A Coral do Casino e a Banda de Vilatuxe protagonizan este domingo o tradicional ‘Concerto de Nadal’ no Auditorio

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O vindeiro domingo, 7 de decembro, o Auditorio Manuel María do Carballiño acollerá, dende as 19,30 horas, o xa tradicional ‘Concerto de Nadal’ que organiza un ano máis, e xa son 32, a Coral Polifónica Casino do Carballiño. Unha cita senlleira no almanaque navideño da vila do Arenteiro que o secretario da agrupación musical, José Antonio Barge Gil, comparou co acendido da iluminación artística da cidade de Vigo, no acto de presentación que esta mañá tivo lugar na Casa do Concello e no que estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández.

O responsable municipal de Cultura salientou a intensa actividade que se está a desenvolver no Carballiño nestas datas previas ao Nadal, con actuacións musicais, espectáculos teatrais e proxeccións cinematográficas, un marco no que o ‘Concerto de Nadal’ brila con luz propia e que consolida a colaboración entre a entidade organizadora e a Banda de Música de Vilatuxe que comezou xa no ano 2013, según lembrou o propio Barge Gil.

O directivo coralista tamén apuntou o éxito acadado por esta banda o pasado verán, ao gañar o primeiro premio da súa categoría na 137ª edición do prestixio certame internacional de bandas de música de Valencia. E, en referencia ao programa previsto para este domingo, José Antonio Barge comentou que o concerto dividirase en tres seccións, a primeira con panxoliñas tradicionais a cargo da Coral “e unha sorpresa que sempre nos prepara o noso director, Xaime González Pichel, que consistirá na interpretación dunha peza do coreano Yiruma co acompañamento dunha bailarina do grupo de danza de Lalín que dirixe Antonio Vivas”.

A segunda parte corresponderá en exclusiva a melodías da agrupación instrumental de Vilatuxe, mentres na terceira unirase a Coral do Casino para interpretar conxuntamente alguns movementos do “Carmina Burana” e cancións máis modernas como son os éxitos do grupo sueco Abba.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Unha cita á que convidan a toda a veciñanza das comarcas do Carballiño e O Ribeiro para desfrutar dun espectáculo que, ano tras ano, gaña adeptos e se converte nun punto de referencia do panorama cultural da provincia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------