Mañá, venres 12 de decembro, a CEO celebrará a súa tradicional gala de entrega de premios en distintas categorías a empresas ourensás. Será no restaurante A Carballeira, nun acto ao que asistirán representantes do tecido empresarial da provincia, así como autoridades políticas, económicas e empresariais de ámbito local, provincial, rexional e nacional.
A Gala das Empresas Ourensás deste ano convértese nunha edición histórica con récord de participación e cun sentimento moi especial ao estar dedicada a un referente empresarial como Marisol Novoa, presidenta da CEO entre 2019 e 2025, destinataria da homenaxe co que dará comezo o acto de mañá.
Como novidade este ano inclúese o premio ao Espírito Emprendedor Autónomo, sendo así 7 as empresas galardoadas, ademais das categorías de Empresa Familiar, Empresa Innovadora, Empresa Sostible, Responsabilidade Empresarial, Comercio e o premio José Manuel Pérez Canle á Exportación.
Entre as autoridades confirmadas figuran o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Emprego, Comercio e Inmigración, José González; o presidente da Deputación, Luis Menor; a presidenta de Cepyme, Ángela de Miguel; o presidente de ATA, Lorenzo Amor, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, ou o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, así como outros representantes empresariais, políticos e de distintas entidades.
Esta gala, escaparate da iniciativa empresarial ourensá, consolídase como homenaxe ao esforzo, a creatividade e a capacidade de adaptación das empresas ourensás, que continúan demostrando o seu papel esencial no desenvolvemento económico e social da provincia.
Convocatoria de medios
Acto: Gala das Empresas Ourensás
Lugar: Restaurante A Carballeira de Santa Cruz de Arrabaldo
Data: Venres, 12 de decembro, 2025
Horarios:
13:40 – Homenaxe a Marisol Novoa
14:00 – Intervencións institucionais
14:30 – Entrega de premios
15:30 – Intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda
















