O Centro de Estudios Chamoso Lamas fixo entrega do galardón “Torques de Honra 2025” á Dra. Mª Generosa Souto Figueroa en recoñecemento á súa traxectoria no estudo químico-analítico das augas termais e mineiromedicinais, en especial as da provincia de Ourense, impulsando a súa valorización como recurso terapéutico e patrimonial. Souto Figueroa, coñecida popularmente como Marita Souto, é un referente internacional en hidroloxía médica e termalismo científico, e en febreiro deste mesmo ano ingresou como Académica de Número na Real Academia Europea de Doctores, se ben tamén é lembrada pola súa etapa na vila do Arenteiro como directora e docente do IES Nº 1 ns década dos 80.
O acto tivo lugar na Casa da Cultura do Carballiño e reuníu a un cento de persoas, entre convidados e os propios integrantes do colectivo comarcal de investigadores, o seu presidente, Carlos Rodríguez Calvo, entre eles, e un dos persoeiros que recibiron este galardón na súa primeira edición de 2008, o exalcalde do Carballiño e actual edil Manuel Vázquez. Tamén estiveron presentes Diego Fernández, Elvira Torres e Rosa Fuentes, concelleiros respectivos de Cultura, Medio Ambiente e Termalismo e Servizos Públicos, así como a xerente do Inorde, Emma Rodríguez, e o exdirector de Expouresne, Alejandro Rubín.
Pero ademais da protagonista desta homenaxe, Marita Souto, non podía faltar a esta cita o doutor Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, que no seu discurso salientou aspectos da traxectoria da galardoada e él mesmo foi o encargado de entregarlle o ‘Torques de Honra’, unha peza artesanal deseñada polo artista carballiñés Chicho Carballido.
Finalmente, a doutora Souto Figueroa falou aos asistentes sobre “Os pilares do termalismo terapéutico no Sistema Nacional de Saúde: unha estratexia innovadora para a saúde pública e o desenvolvemento sostible. Análise histórica, xustificación científica e propostas de implementacións”.
O Torques de Honra, que otorga o colectivo cultural e investigador carballiñés con carácter bienal “en recoñecemento do labor daquelas persoas, entidades e publicacións na conservación, recuperación e divulgación do Patrimonio Histórico-Cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro”, é o undécimo que se concece desde a súa creación no ano 2008.
















