O campo da Uceira acolle este domingo o ‘Torneo de Fútbol de Reis Magos’ para equipos benxamín de Galicia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño e Club Deportivo Arenteiro presentaron esta mañá en rolda de prensa o “Torneo de Fútbol de Reis Magos”, que se celebrará este domingo, 4 de xaneiro, no campo da Uceira, e que reunirá durante toda a xornada a equipos da categoría benxamín procedentes de distintos puntos da provincia e de Galicia.

O concelleiro de Deportes, Rafael Castro, destacou o apoio do Concello a esta iniciativa, subliñando que se trata dun torneo federado, no que poden participar rapaces e rapazas con ficha federativa, e que contará coa presenza de entre once e doce equipos. “Para O Carballiño é moi importante acoller este tipo de torneos en idades temperás, porque traen moita xente ao redor: pais, nais, avós e acompañantes, que veñen ao pobo e xeran movemento e actividade”, sinalou.

Castro incidiu tamén no valor destes eventos como ferramenta de promoción local. “É unha forma de visualizar O Carballiño, de que a xente veña, pase o día aquí e consuma no comercio e na hostalaría local, algo que para nós é fundamental”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Pola súa banda, Joel, representante do CD Arenteiro, agradeceu a colaboración do Concello e do club, así como o esforzo dos equipos participantes por acudir ao torneo nestas datas, e explicou que o obxectivo principal é ofrecer unha xornada lúdica aos máis pequenos. “A nosa intención foi desde o primeiro momento organizar un día para que os rapaces, aproveitando as vacacións de Nadal, poidan desfrutar do fútbol e pasar un bo día”.

O torneo desenvolverase desde a mañá e ao longo de todo o día, cun único parón para a comida. Entre os equipos confirmados figuran o Velle, Bosco, dous equipos do Pabellón, Maside, Maceda, Allariz, dous equipos benxamíns do CD Arenteiro, Silleda e a ED Ourense. A xornada completarase coa entrega de medallas e trofeos, así como con sorteos e algunhas sorpresas para os acompañantes.

Desde o Concello do Carballiño convídase á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse este domingo ao campo da Uceira, onde haberá tamén servizo de cafetería, para desfrutar dunha xornada de deporte base e convivencia arredor do fútbol.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------