Ribadavia pon en marcha unha nova ordenanza para mellorar o control do tráfico no Casco Histórico

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia vén de aprobar unha nova Ordenanza de Circulación que actualiza a normativa vixente e introduce unha regulación máis clara e rigorosa do acceso e do estacionamento no Casco Histórico, coa vontade de avanzar cara a unha vila máis ordenada, sostible e respectuosa co seu patrimonio.

A nova ordenanza mantén, na súa maior parte, as normas xa coñecidas pola veciñanza en materia de circulación, sentidos únicos, carga e descarga, zona azul ou réxime sancionador. Porén, o principal cambio concéntrase na Zona ACIRE (Acceso de Circulación Restrinxido), que pasa a contar cun sistema máis definido de control e autorizacións para limitar o tráfico rodado no corazón histórico da vila.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinala que esta actualización normativa “busca poñer orde e claridade nunha cuestión sensible para a veciñanza, como é a mobilidade no Casco Histórico, garantindo o dereito das persoas residentes e, ao mesmo tempo, protexendo un espazo patrimonial único”. Segundo explicou, o obxectivo é “reducir a presenza innecesaria de vehículos, mellorar a convivencia e facer de Ribadavia unha vila máis amable para vivir e visitar”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A partir da entrada en vigor da ordenanza, o acceso en vehículo ao Casco Histórico quedará restrinxido aos vehículos que conten cunha tarxeta municipal autorizada e visible no parabrisas. Poderán solicitala as persoas residentes empadroadas na zona, aquelas que empreguen vehículos en réxime de leasing, renting ou como condutor habitual, así como os comercios e empresas situados no Casco Histórico, cunha tarxeta por negocio. Tamén se contempla a autorización para persoas coidadoras de familiares dependentes que residan nesta área.

Precisamente, o Concello de Ribadavia distribuíu hai uns días un bando municipal informando aos veciños e veciñas residentes no Casco Histórico de que esta nova ordenanza da zona ACIRE farase efectiva a partir do vindeiro 1 de marzo. Co gallo de garantir unha mellor posta en funcionamento da normativa, o Goberno local insta aos usuarios e usuarias a que soliciten canto antes a nova tarxeta nas oficinas municipais.

A tarxeta ACIRE será gratuíta, persoal e anual, con vixencia ata o 31 de xullo de cada ano, e estará condicionada a estar ao día no imposto de circulación e a non ter sancións firmes pendentes de pagamento. A ordenanza fixa límites claros no número de autorizacións, cun máximo dunha tarxeta por persoa e dúas por vivenda, co fin de evitar un uso excesivo do espazo público.

No que respecta ao estacionamento, a normativa lembra que non está permitido estacionar libremente no Casco Histórico. As persoas residentes poderán deter ou estacionar os seus vehículos un máximo de 30 minutos e sempre por causa xustificada, contando ademais con zonas específicas de estacionamento para residentes en áreas próximas como Extramuros, Rego de Auga ou San Martín, así como con descontos no aparcadoiro da Alameda nalgúns casos.

Os horarios e condicións de carga e descarga mantéñense sen cambios, ao igual que o funcionamento da zona azul na rúa Progreso, que conserva os mesmos tempos máximos, horarios e exencións para vehículos de emerxencias e servizos sociais e sanitarios en servizo. A ordenanza tamén reforza as limitacións sobre vehículos pesados, que non poderán permanecer estacionados no casco urbano máis tempo do estritamente necesario, nin deixar remolques ou semirremolques na vía pública.

En canto ao réxime sancionador, non se producen modificacións nos importes das multas, que continúan rexéndose pola normativa xeral de tráfico, podendo o Concello actuar en función da gravidade das infraccións.

Para o alcalde, esta nova ordenanza “non pretende sancionar máis, senón ordenar mellor”, e supón “un paso adiante para compatibilizar a vida diaria da veciñanza, a actividade económica e turística e a conservación do noso patrimonio histórico”. “Un Casco Histórico con menos tráfico é un espazo máis seguro, máis habitable e máis atractivo para todos”, conclúe César Fernández.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------