O “estado catastrófico” das beirarrúas e o “calamitoso” da rede viaria municipal do Carballiño motiva a Espazo Común a esixir do goberno do Concello a elaboración urxente de “un plan para repor a normalidade nas rúas carballiñesas e que os cidadáns non teñan que xogarse o tipo cada vez que saen da casa ou a coller o coche”.
Dende esta formación política fan referencia a “un inexiistente mantemento, sumado a unha máis ca dubidosa xestión dos recursos públicos á hora de contratar e recepcionar obras, leva a que os condutores que transitan polas nosas rúas teñan que facer verdadeiros exercizos de habilidade ao volante para non esgazar os coches”.
“Os veciños transmitennos e mesmo o fan nas redes sociais o seu enfado pola falla das máis mínimas atencións por parte dun goberno PPSOE que semella estar a outra cousa, aínda que resulta imposible saber ben ao qué”, apuntan dende Espazo Común. E lembran que “despois dun ciclo de sete anos no que o gasto en asfaltados supuxo millóns de euros para as arcas municipais, ata o punto de que o alcalde Fumega chegou a autonomearse ‘o rei do asfalto’ resulta incomprensible a situación actual”.

















