Os Entroidos dos municipios de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, foron presentados hoxe, por primeira vez en Fitur, tras lograr este ano a súa distinción conxunta como Festa de Interese Turístico Nacional. A presentación correu a cargo do presidente da Deputación de Ourense, #Luis Menor; do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e dos alcaldes dos tres municipios participantes, Pedro Yáñez (Manzaneda), Germán García (Viana do Bolo) e Melisa Macía (Vilariño de Conso).
Esta declaración recoñece o carácter ancestral, a singularidade e os valores culturais e patrimoniais únicos destas celebracións. A denominación conxunta de “Entroidos do Oriente Ourensán” obedece non só á súa proximidade xeográfica, senón tamén á súa conexión humana xa que, os veciños de cada un destes municipios participan activamente nas celebracións dos outros concellos.
Neste sentido, o presidente provincial lembrou que o Entroido é sinónimo de “tradición, cultura, arraigamento, identidade, pero tamén de unión e de cooperación, como o demostran estes tres lugares máxicos, nos que toda a súa poboación implícase para que sexan un éxito”.
No caso de Manzaneda falamos da tradicional “Mázcara”, mentres que en Vilariño de Conso e Viana do Bolo está a figura do “Boteiro”. Ambos son personaxes que identifican cada un destes entroidos únicos, cuxos orixes se perden no tempo. Nese caso un trazo común ás celebracións dos tres municipios é que contan con “folión”, o acompañamento musical que vai marcando o ritmo de cada un dos seus propios desfiles.
Estes tres Entroidos son “exemplo vivo de memoria e identidade, transmitida de xeración en xeración e agora compartida tamén con quen se achega a gozar dos Entroidos, cos que abrimos o calendario de celebracións en Galicia, contribuíndo así á tan necesaria desestacionalización turística”, destacou #Luis Menor.
Nos últimos anos, tanto os municipios e asociacións dos Entroidos do Macizo central, viñeron coordinando os seus esforzos para facer un programa complementario de modo que, o Día grande en Vilariño de Conso é o sábado coincidindo coa Festa do Cabrito, ademais do tradicional desfile de máscaras. En Viana é o “Domingo gordo” que coincide coa Festa da Androlla” e o día grande de Fulión en Manzaneda é o Martes de Entroido.
Cabe destacar que dos 11 entroidos galegos que contan con declaración de Festa de Interese Turístico, sete deles están na provincia de Ourense. Deste xeito, Xinzo (Interese Turístico Internacional); Verín, Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Coso (Interese Turístico Nacional), e Maceda e Laza (Interese Turístico Gallego). Durante a presentación estreouse un vídeo realizado desde a Deputación de Ourense, a través do Inorde, coa colaboración das asociacións de boteiros e mázcaras. Un vídeo que pretende evocar o sentimento de arraigamento daqueles que conservan as tradicións neste oriente ourensán, así como poñer en valor a riqueza natural deste territorio.

















