A Merca, 28 de xaneiro de 2026. Noelia Currás (1985) tomou posesión como concelleira do Bloque Nacionalista Galego no concello da Merca, asumindo tamén a portavocía municipal da organización nacionalista e abrindo unha nova etapa para o proxecto nacionalista no concello.
Noelia Currás formada como traballadora social e con experiencia en diferentes responsabilidades orgánicas do BNG na comarca de Celanova e a Baixa Limia, asumiu a acta nun momento no que o BNG reforza a súa presenza e a súa vontade de alternativa política na Merca
Currás substitúe a Teresa Garrido, concelleira do BNG desde 2015 e candidata á alcaldía en 2019 e 2023, que presentou a súa renuncia á acta tras máis dunha década de traballo institucional e social de compromiso coa veciñanza da Merca. Desde o BNG, destacaron o seu papel clave na consolidación dun proxecto nacionalista sólido, coherente e con implantación social no concello.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Currás, xa como nova portavoz nacionalista da Merca, destacou que asume esta responsabilidade “con ilusión, humildade e un forte sentido do compromiso coa veciñanza”, subliñando que o BNG seguirá a exercer “unha labor política construtiva, firme e pegada á realidade do día a día do concello”.
A nova concelleira sinalou como prioridades do traballo municipal nacionalista a mellora das políticas de vivenda, a planificación e execución de obras necesarias para garantir servizos públicos dignos, así como o reforzo dos servizos municipais básicos. “A Merca precisa dunha política útil, que pense no ben común e que poña no centro ás persoas, a través duns servizos públicos de calidade”, afirmou.
Neste sentido, Currás incidiu tamén na necesidade de avanzar nun modelo de mobilidade máis xusto, reclamando melloras no transporte público que dean resposta ás necesidades reais da poboación, especialmente das persoas maiores e da mocidade. “Un concello vivo precisa conexións, servizos e oportunidades, e nesa liña imos seguir traballando desde o BNG”, engadiu.
Desde o Bloque Nacionalista Galego da Merca reiteraron a súa vontade de continuar fortalecendo o proxecto nacionalista no concello, apostando por políticas pensadas desde o territorio, con participación veciñal e coa defensa dos intereses da Merca.

















