O Inorde impulsa o turismo familiar coa creación dun catálogo de experiencias ao abeiro do Plan Turístico

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación Provincial de Ourense, a través do Inorde, lanza unha convocatoria pública para o deseño do primeiro Catálogo de Experiencias de Turismo Familiar da Provincia de Ourense. O obxectivo desta ferramenta é identificar, ordenar e dar visibilidade á oferta turística pensada para o público familiar, reforzando o posicionamento de Ourense como un destino sostible e dispoñible durante todo o ano. Esta actuación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) “Ourense Coge Velocidad”, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, coa colaboración do Ministerio de Industria e Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Beneficiarios e prioridades xeográficas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A convocatoria está dirixida a persoas emprendedoras, autónomas, microempresas e entidades públicas que conten con produtos de experiencia familiar, roteiros ou espazos naturais susceptibles de ser comercializados, reservados ou autoguiados, en condicións axeitadas as necesidades das familias. Aínda que poden participar entidades de toda a provincia , o proxecto dará especial consideración ás propostas situadas nos concellos que integran o PSTD, tales como Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, O Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia, Verín, Allariz e Castro Caldelas.

Categorías de experiencias

O catálogo clasificará as actividades en oito grandes bloques temáticos para facilitar a elección do turista: actividades con animais (granxas escola, agroturismo e paseos a cabalo); rutas e natureza (sendeirismo adaptado e paseos en bicicleta); auga e ocio acuático (termalismo familiar e actividades náuticas en ríos); patrimonio e cultura (centros de interpretación, castelos e vilas con encanto); experiencias educativas (astronomía e obradoiros de creatividade); aventura e deportes (parques multiaventura, tirolinas e karts); gastronomía local (rutas de produtos como queixo, mel ou viño e obradoiros de cociña); eventos e festivais (celebracións de interese turístico)

Presentación de solicitudes

Os interesados deberán cubrir a ficha técnica de experiencia facilitada polo Inorde e enviala por sé electrónica da Deputación. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 20 de febreiro de 2026. As experiencias seleccionadas formarán parte dunha estratexia de marketing dixital que inclúe un catálogo en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e a integración na Plataforma Intelixente de Destinos (PID) a través do proxecto “Ourense Cerca DTI” e darán continuidade a campaña presentada en Fitur “Ourense provincia termal, refuxio familiar” que forma parte do mesmo Plan.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------