Saúde, creatividade e formación artística, propostas do Centro Sociomunitario para conmemorar o 8-M

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Coa chegada de marzo, o Centro Sociocomunitario do Carballiño reforza o seu compromiso coa dinamización social e o benestar, presentando unha axenda de actividades deseñada especialmente para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A programación deste mes combina saúde, creatividade e formación artística, ofrecendo espazos de encontro e aprendizaxe.

A programación arrancará o vindeiro 4 de marzo ás 16,30 horas, cunha cita clave para a saúde feminina: unha charla enfocada na menopausia. A sesión será impartida pola matrona Isabel de la Torre, nunha actividade promovida pola Escola Galega de Saúde. O obxectivo é ofrecer información rigorosa e ferramentas para afrontar esta etapa vital con calidade de vida.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

No apartado de formación e lecer, o centro aposta pola artesanía e a expresión artística con dúas propostas destacadas. A primeira, un obradoiro de pintura, impartido por Trebellos, que terá unha duración total de 16 horas. As clases realizaranse polas mañás, en horario de 10,30 a 12,30 horas, ideal para quen queira iniciarse ou perfeccionar a súa técnica pictórica.

A segunda proposta, un obradoiro creativo, da man de Riquiño Ourense, no que as participantes poderán desfrutar dunha sesión práctica na que elaborarán un ambientador natural e un coxín, fomentando o traballo manual e a creación de obxectos sostibles para o fogar.

Desde a dirección do Centro Sociocomunitario convidan a toda a cidadanía a participar nestas propostas que buscan celebrar o mes da muller desde o empoderamento e a convivencia

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------