O Concello de Ribadavia aprobou o pasado 3 de febreiro a convocatoria dun concurso público para o arrendamento de catro bens inmobles. Unha iniciativa coa que se pretende fomentar a dinamización económica, apoiar novos proxectos empresariais e contribuír á posta en valor do tecido comercial do municipio, especialmente no casco histórico. Os inmobles obxecto do concurso son os seguintes:
- Local na rúa Banda Lira, 1B – 32 m² – Uso preferente: artesanía ou alimentación – Renda mensual: 300 €
- Local na rúa Rodríguez Moure, 17 – 63 m² – Uso preferente: artesanía/obradoiro – Renda mensual: 300 €
- Local na rúa Yáñez, 12 – 81 m² – Uso preferente: viñoteca/obradoiro – Renda mensual: 300 €
- Local na Praza Maior, 14 – 71 m² – Uso preferente: téxtil – Renda mensual: 350 €
O prazo de presentación de ofertas será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, que tivo lugar o 23 de febreiro. No caso de que o último día coincida en sábado ou festivo, entenderase prorrogado ao inmediato día hábil seguinte. As proposicións deberán presentarse no Rexistro Xeral de Entrada do Concello. O prego de condicións atópase a disposición das persoas interesadas no taboleiro de anuncios municipal, na páxina web e na sede electrónica.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Esta convocatoria enmárcase no impulso do programa “Vilas Vivas”, unha iniciativa destinada á recuperación de baixos comerciais en desuso no casco histórico. O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou que “con esta nova convocatoria do programa Vilas Vivas, damos un paso máis para encher de vida o noso casco histórico, apoiando a quen quere emprender en Ribadavia e facilitando que locais que estaban pechados volvan formar parte do día a día da vila”. “O noso obxectivo é claro: máis actividade económica, máis emprego local e máis vida nas rúas. Cada novo negocio aberto é un paso adiante para o futuro de Ribadavia”, engadiu.

















