- Gómez Caamaño subliñou no Pleno do Parlamento que o orzamento para a redacción do proxecto e dirección de obra se situará no entorno dos 600.000 euros
- Esta nova infraestrutura sanitaria contará con máis de 4.500 m2, o que supón dispoñer de máis do dobre de espazo que o centro de saúde actual
- Terá 22 consultas de medicina de familia e áreas de pediatría, saúde mental, atención bucodental, saúde da muller e un PAC reforzado
- Nos orzamentos deste ano, o Goberno galego ten reservados 60 millóns de euros para infraestruturas sanitarias de atención primaria
- A Xunta segue a avanzar na construción de novos centros de saúde na provincia de Ourense, coas obras xa iniciadas en Muíños e con traballos previos en Boborás
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026.- O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, que a Xunta ten previsto licitar a redacción do proxecto do Centro Integral de Saúde do Carballiño neste primeiro semestre do ano.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular da carteira sanitaria dixo que o orzamento para a redacción do proxecto e dirección de obra do Centro Integral de Saúde do Carballiño se situará no entorno dos 600.000 euros.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Tal e como detallou Gómez Caamaño, esta nova infraestrutura sanitaria disporá de máis de 4.500 m2, o que significa que contará con máis do dobre de espazo que o centro de saúde actual. O Plan funcional prevé 22 consultas de medicina familiar e comunitaria, área pediátrica, de saúde mental, atención bucodental, consultas de saúde da muller, sala de docencia e, ademais, un Punto de Atención Continuada reforzado.
O conselleiro referiu que o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución definitiva da modificación necesaria do plan urbanístico municipal en outubro do pasado ano, trámite que correspondeu ao Concello levar a cabo e, desde entón, a Xunta xa está a traballar preparando o prego de licitación para a redacción do proxecto.
Compromiso coa sanidade pública
Na súa resposta en Pleno, o conselleiro destacou que a Xunta leva anos demostrado o seu compromiso coa sanidade pública. Ao respecto sinalou que, nos últimos anos, se puxeron en marcha o Centro Integral de Lugo e o Centro Integral de Lalín e comarca de Deza e en marzo entrará en funcionamento o Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo.
Segundo destacou Gómez Caamaño, desde o ano 2009 a Xunta construíu ou reformou 138 centros de saúde, cun investimento que supera os 162 millóns de euros.
Sinalou, ademais, que se está a avanzar en novos centros de saúde na provincia de Ourense, coas obras xa iniciadas en Muíños e con traballos previos no centro de saúde de Boborás.
Gómez Caamaño lembrou que nos orzamentos da Xunta deste ano, o Goberno galego ten reservados 60 millóns de euros para infraestruturas sanitarias de atención primaria, co obxecto de ir avanzando nos proxectos a medida que se dispoña dos terreos necesarios por parte dos concellos.

















