O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, salientou a importancia do comercio de proximidade nunha visita que realizou no mediodía de hoxe a varios establecementos adheridos ao Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño. O representante do Goberno autonómico estivo acompañado polo presidente e a xerente da asociación dos comerciantes carballiñeses, Julián Garriga e Noelia Mares, respectivamente; o alcalde en funcións, José Castro, e a concelleira de Comercio, Diana González.
Manuel Pardo lembrou a liña de axudas anuais que a Xunta de Galicia vén de convocar recentemente para as asociacións de comerciantes para dinamizar o comercio local, dotadas cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Na pasada edición desta convocatoria, a Xunta destinou un importe total de preto de 230.000 euros na provincia de Ourense. No caso concreto da entidade do Carballiño, percibiu 28.000 euros para reforzar a súa excelencia e a súa capacidade de dinamización da contorna na que se integra. A ela súmanse as axudas concedidas aos centros comerciais abertos de Verín (preto de 56.000 euros), Ourense (máis de 43.700 euros),O Barco (44.000 euros), Celanova (28.000 euros) e Ribadavia (28.000 euros).



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Estas axudas pódense solicitar deica o 12 de marzo e están destinadas a financiar campañas promocionais – mínimo seis ao ano – para animar aos consumidores a mercar nas tendas locais-; accións de fidelización da clientela ou actividades formativas, tales como congresos, talleres, networking ou outro tipo de xornadas orientadas a mellorar a cualificación profesional dos socios.
Os investimentos máximos subvencionables establécense en tres tramos: ata 65.000 euros para CCA con 100 ou máis comercios asociados; ata 55.000 euros para aqueles con entre 70 e 99 negocios; e ata 40.000 euros para os que conten entre 50 e 69 establecementos adheridos.
A intensidade das axudas poderá oscilar entre o 70% e o 90% dos gastos. Para fixar as contías valóranse aspectos como o carácter innovador das campañas, a súa capacidade para atraer nova clientela e incentivar o consumo, así como a existencia dun plan de difusión das accións de que leven a cabo.
















