Ribadavia chama á participación veciñal na elaboración do seu Plan Local de Economía Social

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia convoca á veciñanza, ao tecido asociativo e ao sector empresarial do municipio a participar activamente na definición do Plan Local de Economía Social, no marco do proxecto piloto impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia en dous concellos: Baiona e Ribadavia, para a elaboración destes instrumentos estratéxicos a nivel municipal.

A cita central deste proceso será a Xornada Participativa que se celebrará o vindeiro luns 2 de marzo, ás 17,30 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello. O encontro está concibido como un espazo aberto de diálogo e traballo colectivo no que se recollerán propostas, necesidades e iniciativas que contribúan a definir as liñas de actuación do futuro Plan.

O obxectivo é construír unha folla de ruta adaptada á realidade de Ribadavia que permita impulsar a creación de emprego de calidade, fortalecer o tecido produtivo local e afrontar retos estruturais como o envellecemento demográfico ou a diversificación económica. A economía social preséntase así como unha ferramenta clave para promover un modelo de desenvolvemento sostible, inclusivo e arraigado no territorio.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A sesión incluirá unha breve contextualización sobre o marco e as oportunidades da economía social, seguida dun espazo de traballo participativo no que as persoas asistentes poderán formular achegas concretas. O proceso de elaboración do Plan conta co apoio técnico de Larega S. Coop. Galega, entidade encargada de dinamizar a xornada e de coordinar a redacción do documento, en aliñamento coa Estratexia Galega de Economía Social.

Desde o Concello sublíñase a importancia de contar coa máxima participación posible, ao tratarse dun documento estratéxico que orientará as políticas municipais en materia de desenvolvemento económico e social nos vindeiros anos.

As persoas interesadas en asistir poden confirmar a súa participación a través do seguinte formulario de inscrición:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeGfvNENzMo6uI2ZExUTENhE0_VYViLOabsQ12UUsWosTW2mA/viewform

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------