A programación de actividades da Concellería de Igualdade do Carballiño para conmemorar o Día Internacional da Muller terá a súa continuidade a partir de mañá, 10 de marzo, coa realización dun obradoiro de arte floral.
A presentación deste taller tivo lugar hoxe na Casa do Concello coa presenza da concelleira deste departamento, Silvia Baranda, e da responsable de impartir esta actividade, Rita Soto. A edil lembrou que “despois da aceptación que tivo este obradoiro nas pasadas datas de Nadal e ante a insistencia das participantes na organización doutro, decidimos incluilo no programa do 8-M”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Así é que o cupo de prazas ofertadas para este cursiño, un total de 24, cubríronse na súa totalidade, e distribuídas en dúas quendas de xeito que a metade das cursillistas está convocada para mañá, en horario de 16,30 a 18,30 horas, na sala multiusos ubicada no segundo andar da Casa do Concello e, o martes vindeiro, día 17 de marzo, para o resto das participantes e co mesmo horario.
Rita Soto avanzou que neste obradoiro “faremos arranxos florais con flor seca de xeito que a xente aprenda estas técnicas á vez que desfruta dunhas horas de lecer e desconexión”. A monitora salientou o feito de que “hai mulleres de tódalas idades inscritas nesta actividade”.
















