O PSOE de Ribadavia vén de trasladar publicamente a súa preocupación “pola situación actual do campo municipal do Xestal, unha instalación deportiva fundamental para a actividade futbolística do concello e para os máis de 80 rapaces que forman parte dos equipos do Ribadavia Atlético”. Neste sentido, apuntan que, “nos últimos meses, pais e nais dos nenos que utilizan estas instalacións fixéronnos chegar diversas queixas relacionadas co estado xeral do campo. As preocupacións afectan tanto ao terreo de xogo como ás propias instalacións anexas, especialmente aos vestiarios, baños e duchas”.
Segundo a información que nais e pais trasladaron ao PSOE “o mantemento do campo de herba artificial, que debería realizarse de maneira periódica, aproximadamente dúas veces ao ano, e apenas se realizou nunha soa ocasión nos últimos tres anos. Este tipo de actuacións son fundamentais para garantir a correcta conservación do terreo e, sobre todo, a seguridade dos usuarios”, centrándose a maior preocupación “no estado dos vestiarios e das duchas. Segundo indican os pais e nais, existen importantes deficiencias nas instalacións e unha limpeza claramente insuficiente, con presenza de humidades, mofo nos azulexos e unhas condicións que non son as máis axeitadas para un espazo utilizado diariamente por nenos e mozos”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Dende o grupo municipal Socialista lembran que “o campo do Xestal xa xerou debate no pasado tras o importante investimento público realizado para a súa reforma e a instalación de herba artificial, unha actuación na que participou tamén a Deputación de Ourense” e, por iso, consideran “especialmente importante garantir agora un mantemento adecuado das instalacións para que cumpran correctamente a súa función”.
Por todo elo, desde o PSOE de Ribadavia queren “trasladar esta preocupación que nos fan chegar as familias, e esixir ao alcalde do Concello que asuma a responsabilidade que lle corresponde, e deixe de mirar cara outro lado, que escoite as queixas acumuladas durante anos sobre o Xestal e que actúe de inmediato, revisando a situación do campo e adoptando todas as medidas necesarias de mantemento, limpeza e mellora das instalacións para garantir unhas condicións dignas, salubres e seguras aos rapaces que practican deporte no concello”.
Engaden, finalmente, que “o noso obxectivo non é outro que colaborar para que os nenos e mozos de Ribadavia poidan practicar deporte nas mellores condicións posibles e que as familias teñan a tranquilidade de que utilizan espazos públicos seguros, coidados e á altura do que merece o deporte base no noso concello”.

















