Expourense prepara ‘Funergal’, a única cita internacional do 2026 para o sector funerario da Península Ibérica

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

De carácter bienal, Funergal, Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, regresa ao calendario de Expourense para celebrar a súa 13ª edición entre o 21 e o 23 de maio de 2026. Trátase da primeira das tres feiras recoñecidas como Internacionais polo Goberno de España que organizará o recinto feiral neste 2026 (Termatalia e Xantar son as outras dúas). Funergal volverá ser o único punto de encontro profesional da Península Ibérica que ofrece compra e venda de produtos e servizos funerarios, é dicir, negocio.

Esta mañá celebrábase de forma híbrida (combinando a presenza física coa virtual), a reunión do comité asesor da feira na que participaron profesionais do sector funerario de España. Dirixida polo director de Funergal, Rogelio Martínez, a este encontro acudiron representantes da Asociación Nacional de Servizos Funerarios (PANASEF); da Asociación Nacional de Entidades e Empresas Municipais de Servizos Funerarios e de Cemiterios (AFCM); da Asociación Española de Profesionais dos Servizos Funerarios (AESPROF); da Federación Galega de Servizos Funerarios FEGASERFU; do Instituto de Comercio Exterior ICEX en Galicia; da Asociación Provincial de Empresas Funerarias de Ourense APEFO, e da Guía Funeraria. Os membros do comité asesor mostraron o seu apoio e compromiso para difundir a celebración da feira entre os seus asociados.

Funergal 2026 conta con expositores e visitas de empresarios do sector procedentes de países como España, Portugal, Países Baixos, Arxentina, México, #Ecuador, Chile e Perú, unha cifra que crecerá no momento da súa celebración xa que aínda están abertas as xestións comerciais pendentes das últimas confirmacións. Xa confirmaron a súa participación empresas de servizos fúnebres; fabricantes de cadaleitos da Península; fabricantes de fornos crematorios, urnas, lápidas, arranxos florais, xoiería, accesorios e complementos para poñer en marcha un funeral; xestión integral de servizos funerarios; seguros dirixidos a empresas funerarias; consultoría; software especializado; carroceras de vehículos funerarios e as principais asociacións nacionais que representan a distintas ramas profesionais (empresas, profesionais, xestores de cemiterios,…); medios de comunicación especializados no sector etc.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O obxectivo fundamental de Funergal 2026 é o fomento do negocio, a competitividade e a actualización neste ámbito, ao mesmo tempo que presenta unha ampla oferta de novidades, adaptadas ás necesidades dos distintos visitantes profesionais funerarios (tanto representantes de grandes empresas como outras de carácter familiar), que se achegarán, fundamentalmente, desde distintos puntos da Península Ibérica.

Trátase ademais da terceira edición de Funergal con Alta Velocidade. Ourense está agora a 2 horas e 15 minutos de Madrid en Alta velocidade unha cidade conectada con voo directo con 66 países. Isto facilitará a participación de expositores e, sobre todo, visitantes nacionais e internacionais. Aqueles que decidan acudir en tren poderán beneficiarse dun 10% desconto grazas ao convenio que Expourense mantén con RENFE.

Funergal é tamén un gran punto de encontro para a familia funeraria e por iso organizou un programa social que inclúe unha cea de gala, que conta co apoio de Interfunerarias, para que poidan gozar da excelente enogastronomía da provincia de Ourense. Tampouco faltará a tradicional “pulpada” ofrecida polos empresarios do sector da provincia de Ourense (APEFO). Ademais do patrocinio de Interfunerarias, Funergal 2026 conta co apoio do Grupo Albia e da Deputación Provincial de Ourense.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------