Ribadavia acollerá o vindeiro sábado, 21 de marzo, ás 12,00 horas e no Auditorio Manuel María da Casa da Cultura, un acto de homenaxe a unha das figuras máis destacadas da cultura galega contemporánea, Xesús Alonso Montero. A cita enmárcase dentro do ciclo “Solsticios e Equinoccios Poéticos”, promovido polo colectivo Por un Ribeiro Poético co colaboración do Concello de Ribadavia.
O evento combinará intervencións institucionais, lembranzas e recitados poéticos. A inauguración correrá a cargo de César Fernández, seguida das palabras da filla do homenaxeado e dunha dedicatoria á asocación Por un Ribeiro Poético. Ademais, proxectaranse imaxes do acto de homenaxe celebrado en 2012, e desenvolverase un recital no que participarán Celsa Hermida, Eladio Rodríguez, Adela Figueroa e Xosé Lois García, entre outras voces. O programa inclúe tamén un poema dedicado ao autor por Nesto Fernández e diferentes intervencións que afondarán na súa relación co Ribeiro e coa vida cultural da vila.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde o Concello, o alcalde César Fernández amosa a súa satisfacción por acoller esta homenaxe, destacando que se trata dun recoñecemento a “unha das figuras máis relevantes da cultura e do pensamento galego contemporáneo” e lembrando a súa condición de Fillo Adoptivo de Ribadavia. Neste sentido, pon en valor o acordo adoptado pola Corporación municipal no ano 2012, co que se quixo recoñecer non só a súa traxectoria intelectual, senón tamén o seu profundo vencello co Ribeiro, territorio no que pasou parte da súa infancia e mocidade e co que mantivo sempre unha relación activa no ámbito cultural.
Fernández subliña ademais que este acto, organizado por Por Un Ribeiro Poético coa colaboración do Concello, constitúe unha nova oportunidade para visibilizar ese vínculo afectivo e intelectual con Ribadavia, ao tempo que convida á veciñanza e ao público en xeral a participar nunha cita que define como unha “celebración da poesía, do pensamento crítico e da identidade galega”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, subliña a importancia desta cita como un acto de recoñecemento colectivo a unha figura clave da cultura galega. Gómez destaca a traxectoria de Alonso Montero e “o seu compromiso coa lingua e coa identidade do país”, asegurando que “persoas como el representan o mellor de nós: coñecemento, compromiso e amor polas nosas raíces”, e incide en que se trata dunha homenaxe “máis que merecida” polo seu labor incansable na defensa da literatura galega.
O acto forma parte do ciclo “Solsticios e Equinoccios Poéticos”, unha iniciativa de carácter trimestral impulsada por Por Un Ribeiro Poético. Este colectivo, xurdido arredor do ano 2010, naceu coa intención de converter Ribadavia nun referente da poesía en Galicia. Tras varios anos de inactividade, a asociación rexurdiu retomando a súa actividade con ánimos renovados e coa vontade de impulsar unha programación estable de eventos poético-literarios ao longo de todo o ano.
A través deste ciclo, que coincide coas mudanzas de estación, preténdese promover a presentación de poemarios e rematar cada encontro cun recital aberto á participación de poetas e poetisas, fomentando así un espazo de creación compartida e dinamización cultural no territorio.
A figura de Xesús Alonso Montero
A relación de Xesús Alonso Montero con Ribadavia é fonda e significativa. No ano 2012 foi nomeado Fillo Adoptivo da vila, nun recoñecemento á súa traxectoria intelectual e ao seu vencello co territorio. Esta ligazón ten tamén unha dimensión familiar, xa que os seus pais eran naturais de Ventosela, na contorna do Ribeiro.
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) é unha das figuras máis relevantes do pensamento e da literatura galega contemporánea. Catedrático de Literatura Española, ensaísta e crítico literario, destacou polo seu compromiso coa lingua galega, coa memoria histórica e coa defensa da cultura como ferramenta de conciencia social.
Ao longo da súa traxectoria desenvolveu unha intensa actividade investigadora e divulgadora, con especial atención á literatura galega do século XX e á recuperación de autores e autoras silenciados. Foi, ademais, presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017, consolidándose como unha das voces máis autorizadas e respectadas do panorama cultural galego.

















