Pase do documental e coloquio con activistas do MEL e veciños das Conchas sobre o impacto na saúde das persoas da disparatada produción da agroindustria na Limia: Casa da Cultura, rúa Concello, 11; o xoves 9 de abril ás 19.30 horas.
O Supremo condena á Xunta e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a tomar medidas contra a contaminación das augas da Limia -a facer o que non fixeron nos últimos 20 anos- e as Administracións miran para outro lado.
Son a Xunta e a CHMS (dependente do MITECO) impunes diante da acción da Xustiza española?

Se eles NON FAN NADA, nós non podemos permitirnos calar. Vainos a vida, as augas, o noso dereito a habitar o territorio do que facemos parte, a coidalo e protexelo para poder seguir vivindo nel.
Volvemos esixir:
1. Moratoria ás macrogranxas.
2. Estudo da saúde da poboación das comarcas da Limia.
3. Declaración da conca do Limia como Zona Vulnerábel, tal e como esixe Europa.
4. Implantación do catálogo de Boas Prácticas agrogandeiras.
5. E cumprimento da sentenza: plan de actuacións da Xunta e da CHMS, xa!
O próximo xoves, 9 de abril, levaremos as nosas demandas á cidade de Ourense 277 días despois da histórica sentenza do TSXG, que establecía que na Limia se veñen vulnerando dereitos fundamentais das persoas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Este 9 de abril, na Casa da Cultura (Concello, 11), emitirase o documental producido por NOTICIAS DISPERSAS E RADIO LIVERDADE que dá conta do problema ambiental e da loita de anos que está detrás desa sentenza.
É o primeiro pase público de QUEN CONTAMINA A LIMIA?, que se puido ver en redes sociais no 2025. Estará presentado polos seus realizadores, Alfonso Cid e Diego Freire, que en menos dunha hora de filme condensaron a panorámica do que acontece: como a presión da agroindustria sobre o territorio causou un problema ambiental de enormes dimensións que derivou en graves riscos para a saúde dos habitantes.
Alfonso e Diego estarán acompañados no coloquio posterior por Manuel García (Movemento Ecoloxista da Limia) e Pablo Álvarez (Asociación de Veciños das Conchas), dúas persoas que lideraron as loitas veciñais contra a macroindustria e as administracións.
A proxección, na que colabora o Cine Club Padre Feijoo, comeza ás 19.30 horas, e o coloquio posterior, ao redor das 20.30 horas.

















