As Residencias Paraíso –o programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio– contan xa coas e cos artistas seleccionadas e seleccionados para a súa 10ª edición, que se desenvolverá ao longo deste 2026 en 10 espazos de toda Galicia no ano do seu décimo aniversario.
Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia– ven de seleccionar a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.
Así, o artista brasileiro–portugués Pedro Vilela será o convidado na residencia artística na Igrexa da Madalena, dentro do marco da colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Alí desenvolverá o proxecto Zoombies, unha investigación escénica que utiliza a figura do zombi como metáfora para analizar a construción de inimigos externos ao longo da historia. Mesturando teatro, cultura pop e discurso político, o proxecto explora como o medo e a deshumanización se empregaron para xustificar guerras e reforzar o poder imperial e colonial.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
As Residencias Paraíso, impulsadas por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2026 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Cristina Planas Leitão (artista e comisaria, directora artística de Materiais Diversos, Lisboa), Diego M. Buceta (artista, Artista Paraíso 2017 e 2019), Laura Tabarés (artista e comisaria, co-coordinadora de Leira. Lugo), Félix Fernández (artista e co-coordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso).
O programa Residencias Paraíso 2026 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Valorarase a integridade artística da proposta e o grao de madurez e solidez do proxecto, ademais da relación entre o proxecto e o territorio.
Residencias Paraíso 2026 conta cun importe total de 25.000€ e acollerá 10 propostas en residencia, dúas máis que na súa pasada edición, cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha, para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
As residencias artísticas desenvolveranse entre maio e outubro de 2026 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da MIT, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Convento de Santa Clara en Pontevedra, a Fábrica de Oleiros, o Pazo da Cultura de Narón, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña.

















