Manuel Vázquez
(Presidente da Asociación Memoria da Castela Galega)
Vivimos nunha sociedade na que as conversas, opinións e escritos, na maioría dos casos, versan unicamente sobre acontecementos exteriores. Estamos mediatizados pola abafante información que nos fornecen e por un débil criterio cognitivo, feito salientábel na sociedade galega, que moi a miúdo esquece a preocupación e o coñecemento polo que temos preto. En fin, desvendemos o pensamento que nos impoñen, para que poida servir para mellorar a sociedade galega. Esta tiranía, moi activa, está en converternos en iguais, aos pobos e persoas, todos miméticos en todo. Na fala, no pensar, na opinión, no comer, no vestir, na música, na historia, na economía…

En fin, metamos as mans na masa. O percorrido vital de Aquilino Sánchez, non é posíbel discernilo sen vinculalo cos chamados Sucesos de Oseira, como así denomina parte da prensa nese momento. Embora acheguemos que para referirnos a eses feitos, o máis apropiado é falar de masacres de persoas, fuxindo así de eufemismos. Como chamamos senón a un suceso que consiste en que vinte e tres gardas civís disparen cos seus Mauseres contra persoas desarmadas, contra un pobo? Sí, os obxectivos foron nenas, nenos, homes, mulleres, todos desarmados. Os proxectís arremesados polos mauseres furaron os corpos polas costas e a fronte. Houbo 9 mortos, 27 feridos oficialmente, sendo máis os feridos que fuxiron e foron curados nas casas, para non sufrir persecución. Facto inconcusso. Así, foi a verdade, manifestada por todos os participantes nos acontecementos, agás as elites caciquís, o gobernador civil e o bispo de Ourense. O balbordo do momento é brutal, arrepiante, non pode ser menos, xa que estamos ante unha das mais importantes matanzas cruentas do século XX, na Galiza.
Só nos é posíbel entender este conflito, se o atamos con sucesos anteriores así como o papel de Aquilino Sánchez. Aquilino, moito antes da chegada da masacre, compartía con veciños de Oseira e das parroquias próximas a oposición ao caciquismo. Tamén denunciaban ao ecónomo de Oseira, que era un verdadeiro usureiro no cobro dos tributos aos labregos e unha persoa plepa. Lembremos que estamos no inicio das loitas labregas contra os foros; nun sistemático expolio do patrimonio, tanto eclesiástico como civil; con conflito interno da igrexa entre cregos achegados ao pobo e elites afastadas. Tampouco se debe esquecer o virulento enfrentamento que se está a dar entre poder civil e eclesiástico, pola formación de escolas laicas e cementerios civís, aos que as elites eclesiásticas se opoñen sistematicamente, até convocando unha manifestación en Santiago de Compostela. Por certo, no Carballiño, a primeira escola laica, apareceu no ano 1909. Este é o contexto en que se dan os arrepiantes fusilamentos de Usseira.
Aquilino Sánchez participou desde antes dos sucesos apoiando aos labregos da zona. Asumindo a postura dos labregos, também está Munguía, Presidente da Real Academia Galega, nese período. Que co seu libro La Primera Luz, -texto para as escolas de Galiza- é, en palabras do doutor en Filoloxía Románica e historiador da literatura galega, Francisco Rodríguez, un manual de alfabetización patriotica. Murguía na carta remitida aos veciños de Oseira, manifesta: «…Fan vostedes moi ben en opoñerse ao seu derribo, pois sería unha lástima que a totalidade do monumento, o baldaquino en cuestión, sufrira o que irremisiblemente ten que sufrir coa desaparición ou substitución do copete. De vostede, sempre amigo e servidor.» – Manuel Murguía
Ese Munguía, que como todos os rexionalistas galegos do século XIX, xa sabían e dicían que Galiza era un pais diferente e o defendían como tal, como sinala Castelao no prólogo que fai ao libro “Política y sociedad en Galicia” de autoria do propio Munguía. Eis o vínculo destes sucesos cos nacionalistas. Mais tarde, o propio Castelao, fará referencia ao mesmo, na revista Nós, “Un padrenuestriño polos que morreron en Oseira, Nebra e Sofán”. Así opinaba Balsa de la Vega, crítico de arte, sobre os sucesos de Oseira: “Desfacer ou modificar un monumento equivale a borrar unha páxina ou parágrafo da cultura humana; polo tanto, a conservación de canto nos legaron as xeracións de séculos pasados é un deber moral que é preciso facer cumprir a todo o mundo, altos e baixos, pois unha obra de arte antiga, por má que semelle, conserva en si un algo dos días en que se creou e desaparecida a obra, desaparecerá o espiritual que a creou, un lazo que nos xungía ao que foi. Ben sei, amigos meus, que isto de mirar o pasado non lle entra na moleira a moita xente; pero déixenos vostedes coa cabeza entre os ombreiros.” “… Os pobres defensores do baldaquino de Oseira merecen dos amantes do arte, un recordo que non se borre nunca”
E non podemos deixar de lembrar, a realista narración que realiza Blanco Amor, en Xente ao Loxe, sobre os sucesos de Oseira e o xuízo a Aquilino Sánchez, libro que conta cun dibuxo que reflete a portada da igrexa de Oseira, realizado por Diaz Pardo. Por certo, Xente ao Lonxe é unha xoia da literatura Galega.
O apoio de Aquilino aos veciños de Oseira para nada vén a significar que busque enfrontamento dos mesmos coas elites eclesiásticas e civís (bispado de Ourense e Gobernador Civil). Polo contrario, nunha reunión que se realiza na fonda Amalia, no Carballiño, convocada polo Gobernador Civil, Conde de Buena Esperanza, para coñecer o estado de opinión sobre o asunto, e onde participan o cura de Vales, Manuel Vázquez Rodríguez; Benito Pinal, crego de Barrán, fuxido da parroquia; o xuíz de instrución do Carballiño, Martínez Sueiro; o oficial da Garda Civil, dos Arcos; o deputado provincial Leopoldo Rodríguez; o alcalde do Carballiño, Fumega, que só permanece breves momentos, e o xuíz municipal de Punxín, Aquilino Sánchez, fillo do mesmo Oseira. Nesta reunión hai dúas opinións moi confrontadas, a encabezada por Martinez Sueiro, que manifesta que el só é capaz de baixar o baldaquino, e que a oposición é artificial, e a de Aquilino Sánchez, que rotundamente manifesta que os veciños de Oseira deixaranse morrer ao pé do monumento. O gobernador pide aos participantes que vaian a Oseira a comprobar a situación, mais todos se negan, agás Aquilino, que xunto a un veciño de Vales, reúnen aos veciños e falan con eles, e a pesar do gran aprezo que senten por Aquilino e o veciño de Vale, manifestan que só se levarán o baldaquino pasando por riba dos seus cadáveres. Aquilino informa disto ao Gobernador, ao tempo que renuncia a seguir a realizar esa labor.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A partir de agora, o Bispo de Ourense, Ilundain, que establece as regras que se deben obedecer na igrexa, entre elas que “Basta que unha cousa a mande a igrexa, para que non queiramos averiguar máis e a teñamos por boa e ben mandada”. “A igrexa é nosa nai, á que, como fillos, debemos eterna submisión e obediencia na orde relixiosa, na moral e na político-relixiosa.” (Texto recollido do libro A Igrexa Galega, de Francisco Carballo). Este bispo pedíra ao gobernador civil a intervención da Benemérita no asunto, e o gobernador, Alonso Zabala, acede de maneira de sócato e tremendamente imprudente a enviar as tropas a Oseira. Ambos representan o máis profundo do conservadorismo do momento. As tropas van executar a a orde de disparar contras as persoas concentradas en defensa do baldaquino, patrimonio de todos. Poñen así en práctica o necesario escarmento, como din as elites do momento: “que merecen os pobos conxestionados -enfadados-, xa que lles convén que se practique certa sangría”.
O movemento de solidariedade e de solicitude de condena aos culpables é unha apoteose. A axitación nos concello de Ourense, Cea, Carballiño e Maside é forte. No Carballiño celebrase unha manifestación onde acuden máis de 3.000 persoas, e as balconadas ateiganse de crespóns negros e bandeiras a medio mastro; e en Ourense sucede o mesmo, cunha manifestación o 4 de maio de 1909, con detidos e disparos desde as fiestras do edificio do arcebispado, comercios fechados e participación activa de obreiros, así como grande afluencia de mulleres, como recolle a prensa da época. A manifestación concorren máis de 4.000 persoas. Hai que dicir que esta manifestación non é autorizada polo gobernador, mas realízase igualmente. Ademais, as doazóns que se reciben para as vítimas de toda a provincia de Ourense e de lugares como Cuba, son dignas de reseñar. A resposta das autoridades, a solicitude de xustiza e á condea dos responsables, é converter a provincia de Ourense nun estado de sitio, especialmente en Oseira, Carballiño e Ourense.
Nas cortes e no senado en Madrid, debátese o tema e solicitase que a Lei caiga sobre os responsabeis das matanzas. Eis una intervencion de Fernandez Latorre, (fundador da Voz de Galiza), “De todas as sortes, convén facer aquí unha reserva, e é que non vaia suceder que se fagan responsables dos acontecementos de Ourense, xa de seu moi lamentables, dolorosos e censurables polo número de vítimas que ocasionaron, a persoas como o dignísimo director do Miño, Sr. Novoa, que non tivo nesta cuestión, nin podían ter responsabilidade, xa que contra eles se dirixen as persecucións actuais; mentres se atenúa a responsabilidade daquelas outras persoas que, pola alta xerarquía que ocupan ou polos grandes deberes que lles impón o exercicio das súas funcións, son os verdadeiros responsables destes tristes e dolorosos sucesos.”
Nun mitin celebrado en Ourense, no ano 1911, en lembranza dos feitos de 1909, coa participación do propio Aquilino, por certo recibido con prolongados aplausos xunto con, entre outros o republicano Rodrigo Soriano, que trata de formar en Valencia un movemento semellante á Solidaritat Catalana. Tamén en Galiza, da os seus primeiros pasos Solidaridad Gallega.
Aquilino forma parte da comisión dos veciños de Oseira que se entrevista co Bispo, cuxa presenza é vedada polo propio Bispo. Os ataques a Aquilino son feroces e cheos de patrañas por parte do sector conservador, das elites eclesiásticas e do periódico Eco de Ourense, prensa eclesiástica que até merece a censura e reprobación dos seus comentarios sobre o suceso por parte do Bispo de Madrid-Alcala. Aquilino semella ser o chivo expiatorio, a persoa a estigmatizar e enlarafuzar por todas partes. Con plena seguridade, en base aos indicios con que contamos, estes feitos son os que pesan no seu fusilamento, o día 1 de novembro de 1936, xunto, entre outros, con Elixio Núñez Núñez, casado con Luz Divina, mestra en Loureiro (Maside). A súa vinculación co Carballiño e comarca é manifesta, xuíz de paz en Punxin, perito no concello de Maside, onde fundou o xornal A torre de Maside. Perito no Carballiño, amáis de concelleiro e alcalde, sucedendo a outro republicano, o Felisindo Xesteira

















