A xornada de folga convocada pola CIG rexistra en seguimento masivo nas provincias da Coruña e de Pontevedra e deixa tendas pechas ou con persoal en mínimos
Galiza, 17 de abril de 2026.
Milleiros de persoas traballadoras do gran comercio téxtil e do calzado saíron este venres ás rúas do país para protestar contra o convenio colectivo estatal impulsado pola patronal ARTE (que agrupa ás grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam) co obxectivo de recortar dereitos e centralizar as relacións laborais. A mobilización coincidiu coa xornada de folga convocada pola CIG no sector, que tivo un seguimento practicamente total e provocou o peche da maioría dos establecementos, a excepción dalgunhas tendas do grupo Inditex, principal impulsor do convenio ARTE co que pretende eliminar as conquistas do persoal recollidas nos distintos convenios provinciais.
As manifestacións e concentracións na Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Compostela e Vilagarcía realizáronse con motivo da folga convocada pola CIG en rexeitamento ao preacordo asinado por ARTE, CCOO e FETICO e para demandarlle á patronal galega que sente negociar un acordo interprofesional galego do comercio que blinde os convenios provinciais e garanta a súa prioridade aplicativa.
O impacto da folga déixase notar en todo o gran comercio, con ducias de tendas pechadas tanto nos centros comerciais como nas principais rúas comerciais das cidades e vilas e con outros estabelecementos a medio gas atendidos só por persoal eventual e encargado. O paro continúa pola tarde, estando previstas tamén novas mobilizacións.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O seguimento da folga é especialmente maioritario na provincia da Coruña, onde as traballadoras xa veñen mantendo a tensión mobilizadora dende hai meses con dúas xornadas de folga e diversas accións de protesta. Aínda que a convocatoria de hoxe foi a que rexistrou o maior seguimento no comercio de todas as folgas convocadas dende 2008, durante a negociación do convenio colectivo provincial.
A folga continúa o sábado na provincia da Coruña
Precisamente, nesta provincia a convocatoria da folga continuará mañá, sábado 18 de día, e para esta xornada están convocadas as seguintes mobilizacións:
- A Coruña, ás 12 horas, concentración na Praza de Lugo.
- Compostela, ás 12 horas, concentracións no CC As Cancelas.
- Ferrol, ás 12 horas concentración no CC Odeón.
Perda de dereitos salariais e laborais
A CIG denuncia que, con respecto aos actuais convenios provinciais, as condicións recollidas no preacordo ARTE (Asociación Retail Textil de España) suporían unha rebaixa de entre 2000 e 3000 euros/ano -dependendo da categoría- na Coruña e Pontevedra (5000 euros menos no caso das persoas traballadoras que se incorporen ás tendas Inditex na provincia coruñesa); a desaparición do complemento de antigüidade para o persoal de Lugo e Ourense; e a perda do complemento de permanencia na Coruña.
Ademais, estabelécese a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura; a planificación de horarios e calendarios redúcese a cinco semanas de antelación; recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses; e autorízase a contratación fixa-descontinua a tempo parcial.
A respecto da xornada anual pactada (1770 horas para o ano 2026, 1760 para 2027 e 1740 para 2028), a central sindical advirte que, malia a propaganda, as horas de traballo anuais aumentarían en realidade, xa que o tempo de descanso de cada día (de 15 minutos como mínimo) deixaría de computar como tempo efectivo de traballo.
Pero ademais, a sinatura definitiva deste convenio estatal significaría a desaparición ou redución ao mínimo das negociacións provinciais; conxelar durante anos as condicións laborais e salariais do persoal que xa está contratado; e a precarización daquelas persoas que se vaian incorporando ao sector, xerando condicións dispares entre persoas da mesmo centro que realizan as mesas funcións.
Por iso, o convenio impulsado por ARTE non só afectará ao persoal das grandes empresas senón que terá consecuencias sobre as condicións laborais das persoas empregadas no pequeno comercio, que verán como desaparecen aos poucos ou se negocian á baixa os seus convenios de referencia.

















