José Castro seguirá como alcalde eventual do Carballiño ata que Francisco Fumega reciba a alta médica

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O popular José Rafael Castro-Gil manterase eventualmente á fronte da alcaldía do Carballiño namentres o rexedor, o socialista Francisco Fumega Piñeiro, non obteña a definitiva alta médica. Ese foi acordo tomado entre Partido Popular e PSdeG-PSOE e que fixeron público hoxe ambos mandatarios nunha rolda de prensa que tivo lugar no mesmo salón de plenos da Casa Consistorial, e que prorroga o pacto acadado entre ambas formacións políticas hai agora dous anos para facilitar a xestión municipal.

Ao respecto, Fumega expresou que “o pacto goza de boa saúde e consideramos que é moi importante que se manteña, xa que posibilitou a posta en marcha de proxectos cuns investimentos globais de 30 millóns de euros ata finais de 2027”, extremo co que coincidíu o propio José Castro, que, en virtude dos acordos do devandito pacto debería tomar posesión como alcalde nestes días, relevando ao socialista e gobernar o municipio ata as vindeiras eleccións de maio de 2027.

O tamén voceiro do Partido Popular na Corporación lembrou que o pacto de 2024 “conseguíu desbloquear a xestión do Concello e concretouse en contratos como o ciclo da auga, con 60 millóns de euros, ou do SAF; o Plan de Sostibilidade Turística, cun millón de euros; o PERTE da auga, outro millón, e a posta en marcha de catro obradoiros de emprego con 2 millóns de euros de investimento”. Tamén citou proxectos inmediatos como a remodelación integral da Praza da Abastos e as obras do Plan Hurbe. “O Carballiño xa supera os 15.000 habitantes, é unha vila que crece, pero queremos que sexa un crecemento activo e que sega a mellorar”, concluíu José Castro.

Finalmente, Fumega desmentíu a existencia de diferencias ou enfrontamentos no seno do grupo municipal do PSOE: “aquí están vindo a traballar tódolos días sen nengún tipo de problema”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------