O pleno da Corporación Municipal do Carballiño aprobou hoxe na sesión ordinaria correspondente ao mes de abril, o cambio do modelo de xestión do cámping municipal. O goberno local impulsa esta medida co obxectivo de profesionalizar e adaptar o espazo ás necesidades e demandas do turismo actual, que aumentou de xeito significativo no municipio nos últimos anos. O recinto conta coas tradicionais pallozas e con zona para acampada, e actualmente ten capacidade para 81 persoas. “Para nós é moi importante modificar a xestión, o que permitirá sacar a licitación a explotación e mantemento das instalacións, que continuarán sendo propiedade do Concello”, explicou José Castro-Gil, alcalde en funcións polo Partido Popular
Pola súa parte, o voceiro do PSdeG-PSOE, Diego Fernández, puxo en valor o modelo de xestión indirecta, que permitirá “chegar a moito máis público, ademais dunha importante modernización” do espazo. Nesa liña, destacou beneficios clave para O Carballiño, como a creación de postos de emprego ou a dinamización económica e social da vila. Ademais, recordou que este tipo de cambios de xestión está a suceder en moitos municipios rurais, “porque as administracións locais non podemos nin temos capacidade para adaptarnos á demanda do turismo moderno”. O expediente foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención da oposición. Este primeiro paso permitirá sacar a licitación a explotación e mantemento das instalacións nos próximos meses.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O pleno do Carballiño tamén aprobou na sesión desta mañá a lista de prezos de servizos do ciclo integral da auga. A nova empresa concesionaria, Augas do Arenteiro, que xestionará durante os próximos 20 anos o abastecemento, saneamento e depuración do municipio, mantén a lista de prezos da anterior adxudicataria. Así, a veciñanza non verá incrementos nos prezos de xestións como contratacións de novas altas ou de baixas, entre outras. De novo, o expediente foi aprobado cos votos a favor do goberno local e a abstención da oposición.
Os mesmos votos do goberno municipal integrado por PSdeG-PSOE foron decisivos para o rexeitamento de dúas mocións presentadas polo grupo Espazo Común, que sí foron apoiadas pola concelleira non adscrita, Sofía García. Na primeira, solicitaban a posta en marcha dun plan para a creación e renovación das instalacións deportivas, mentres que, na segunda, a proposta referíase a elaboración doutro plan de dinamización do comercio local.
Sí contou co apoio unánime de tódolos grupos a proposta de Sofía García para a elaboración e implementación dun plan de mobilidade urbana sostible para o municipio do Carballiño.
















