A Asociación Cultural Arteficial, organizadora do Festival Arteficial de Ribadavia, vén de poñer en marcha unha campaña de micromecenado na plataforma Goteo co obxectivo de asegurar a continuidade dun proxecto que, durante dúas décadas, se converteu nun referente da cultura autoxestionada, inclusiva e sostible no rural galego.
O festival, que naceu en 2006 como unha «rebelión cultural» na vila medieval de Ribadavia (declarada Ben de Interese Cultural en 1947), celebrará a súa XX edición nun contexto de especial dificultade no ámbito do financiamento. A campaña, acollida ao modelo «todo ou nada», precisa acadar un mínimo de 3.000 € nun prazo de 40 días para poder sufragar a infraestrutura básica do evento. De non acadarse esta cantidade, o proxecto quedaría sen o financiamento necesario para o seu desenvolvemento.
O Festival Arteficial non é un evento convencional. A súa singularidade radica nun modelo interdisciplinar que transcende as datas festivas: ao longo do ano impulsa actividades satélite e interxeracionais que dinamizan o territorio do Ribeiro, terra de viño, historia e augas termais. A programación combina música emerxente e de contorna con propostas estatais e internacionais, sempre cun compromiso firme coa igualdade, a sustentabilidade e a solidariedade.
Así, o evento combina tres escenarios simultáneos: un ao aire libre para a convivencia interxeracional, un interior na igrexa da Madalena para formatos acústicos, e outro no centro da vila para as actuacións máis festivas; políticas de equidade, con protocolos contra a violencia machista, defensa do colectivo LGTBI+, e adhesión ao Pacto de Cultura Sustentable desde 2022; entrada solidaria, en colaboración coa Cruz Vermella do Ribeiro, con recollida de alimentos como achega simbólica, e, finalmente, espazos de compromiso: punto violeta e arcoiris, patrulla verde para o control da sustentabilidade e mercado de sementes con roupa de segunda man e artesanía.
Ao longo das súas 19 edicións, o festival acolleu bandas da escena galega e portuguesa (Carabela, Bala, Fillas de Casandra, First Breath After Coma, Noiserv, Surma) e propostas internacionais como Los Coronas, Def Con Dos, Austin TV (México), Gondhawa (Francia), Blaak Heat (EE.UU.) ou Mbye Ebrima (Gambia).
Arteficial está xestionado pola Asociación Cultural homónima, unha entidade sen ánimo de lucro formada por veciñas e veciños do Ribeiro. O equipo organizador conta con case dúas décadas de experiencia e está estruturado en áreas profesionais (comunicación, contratación, loxística, deseño, mecenazgo), e durante o festival incorpóranse profesionais contratados en son, iluminación, montaxe, seguridade e produción audiovisual.
A campaña de micromecenado non só busca salvar a edición de 2026, senón garantir a continuidade dun espazo cultural que durante 20 anos demostrou que é posible facer cultura accesible, de calidade e con identidade propia no rural galego.
O festival diríxese tanto á veciñanza de Ribadavia e do Ribeiro como a persoas de toda Galicia que valoran os pequenos formatos alleos aos circuítos comerciais, e tamén a quen, desde calquera lugar, cre na supervivencia dos proxectos autoxestionados.

















