Espazo Común valora en 800.000 euros as perdas na xestión do camping e critica a súa privatización

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Espazo Común considera que PSOE e Partido Popular responsabilizaron na última sesión plenaria da Corporación ao concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, do desfase de máis de 800.000 euros rexistrado no cámping municipal nos últimos catro anos. O expediente de modificación do cambio de xestión con vistas a sacar a concurso a explotación das instalacións foi aprobado cos votos a favor do goberno local e a abstención de Espazo Común e a concelleira non adscrita Sofía García.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Lembran que, no pleno celebrado o pasado mércores, 29 de abril, “ante as queixas e preguntas da oposición pola pésima xestión do cámping municipal, os voceiros de PP e de PSOE recoñeceron que, en efecto, estes últimos anos resultou ser unha auténtica ruína para as arcas municipais”, cando “tanto Pepe Castro coma Diego Fernández afirmaron que o xeito de levar todo o relacionado con esta infraestrutura foi lamentable”.

E suliñan que “ás perdas directas de 240.000 € polas incriblemente baixos ingresos de visitantes, hai que sumar os preto de 600.000 investidos estes anos para chegar a esa cifra de máis de 800.000 € malgastados e cos que se poderían ter arranxado moitos problemas dos veciños do Carballiño”.

Dende Espazo Común engaden que “o máis delirante é a naturalidade con que asumiron no pleno este desastre ante a presencia do responsable do cámping dende hai anos, o concelleiro socialista Manolo Dacal, quen xunto con Francisco Fumega asumiu directamente esta función”. “Toda esta barbaridade para que, agora, a solución que atopan PP e PSOE sexa privatizalo. Non estaría de máis que se lle explicara á cidadanía o acontecido pero con este goberno só queda seguir agardando pola seguinte sorpresa desagradable”, conclúen.

Manuel Dacal

Ao respecto, o propio Manuel Dacal, asegura “ter a conciencia tranquila” e apunta que “tódolos investimentos que se fixeron no cámping municipal levaronse a cabo con fondos da Unión Europea e non con cargo ás arcas municipais”. “Todo elo para poñer en valor unhas infraestruturas de aloxamentos turísticos que van traer moitos beneficios para a veciñanza e o Concello do Carballiño, co obxectivo sempre de apostar pola súa modernización e a profesionalización da súa xestión”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------