A área de Educación do Concello do Carballiño convoca un ano máis o programa ‘Divertiño’ de conciliación familiar durante os meses de verán. O goberno local mantén así a súa aposta por mellorar a corresponsabilidade e o equilibrio entre a esfera profesional e persoal das familias. “Este é un servizo fundamental para facer posible a conciliación da nosa veciñanza durante as vacacións estivais”, apunta Lorena Castro, concelleira de Educación.
O Divertiño comezará o día 22 de xuño, despois do remate do curso escolar, e terminará o día anterior ao inicio do curso 2026/2027 (a data aínda está por confirmar, á espera da publicación do calendario escolar oficial da Consellería de Educación da Xunta). O horario, como é habitual, será de 7,30 a 14,00 horas e incluirá co servizo de almorzo a partir das 8,00 horas. O programa ofrece actividades lúdicas de diversa índole, como xogos, manualidades ou pequenas excursións pola vila. O servizo conta cun total de 60 prazas e está destinado a nenos e nenas de 3 a 12 anos, con prioridade para aqueles escolarizados en centros educativos do concello e empadroados no Carballiño.
As persoas interesadas poden inscribirse desde hoxe, 4 de maio, ata o día 15, a través da páxina web carballino.gal (no apartado de taboleiro de anuncios) ou nas dependencias de Servizos Sociais, na rúa Faustino Santalices. Para máis información, pódese chamar ao 988 531 076.

















